A vítima de violencia machista será desafiuzada o martes en Vigo se non hai orde xudicial

A Favec volveu concentrarse para evitar o desaloxo desta muller e solicitou ao Concello que lle ofreza un dos "pisos baleiros". Pola súa parte, os Servizos Sociais explican que quen debe emitir o informe de vulnerabilidade desta familia é o Xulgado, non eles.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 17/12/2018 | Actualizada ás 14:17

Comparte esta noticia

Unha muller de Vigo vítima de violencia de xénero e nai de tres fillos menores ten unha orde de desafiuzamento para este martes, día 18, por non abonar o aluguer durante un ano. Nestes momentos, está á espera de que o xuíz poida paralizar esta acción tras recibir un informe social da Xunta este luns, segundo relatou a Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao (Favec). Este colectivo lamenta que, de non chegar esa orde xudicial, o desafiuzamento seguirá adiante.

Concentración da Favec con Aicha E. F.
Concentración da Favec con Aicha E. F. | Fonte: Europa Press

A  Favec volveu concentrarse este luns na porta do Concello de Vigo para solicitar que se pare o desafiuzamento e se lle dean solucións de vivenda a Aicha E. F., de orixe marroquí e que reside en Vigo desde o ano 2006. Esta muller, cunha orde de afastamento da súa exparella por un delito de violencia de xénero, ten tres fillos menores de once, dez e sete anos de idade. Un dos nenos ten unha discapacidade recoñecida e pasou a noite do domingo en urxencias por unha varicela con febre alta, segundo comentou a afectada este luns aos medios."Non teño a ninguén", aseverou Aicha E. F., "estou soa cos tres nenos". 

A Xunta aumentoulle a cantidade que percibe en concepto de Risga a 650 euros ao mes desde decembro, cobra 200 euros do Bono Alugueiro e explicou que o concello lle deu unha "axuda extra" de 600 euros coa que pagou dous meses de aluguer. Ademais, explicou que os nenos comen no comedor por unha axuda do consistorio vigués.

"Esta situación é horrorosa", sostivo a presidenta da  Favec, María Pérez, quen avanzou que acompañará á afectada este martes para tratar de evitar o seu desafiuzamento.

PETICIÓN AO CONCELLO

Pérez reclamoulle ao Concello de Vigo que non deixe a esta familia na rúa. "Que fagan o seu traballo", aseverou en relación á discusión establecida sobre un informe dos servizos sociais de Vigo. Respecto disto, desde a Favec aseguran que o consistorio tería que enviar ao xulgado ese documento, mentres que o Concello aclara que é o propio xulgado o que ten que solicitarllo.

A presidenta da  Favec pediu ao Concello que lle dea a esta muller un dos pisos "que están baleiros". Por outra banda, María Pérez asegurou que a afectada está disposta a irse a un piso noutra localidade se a Xunta llo consegue grazas ao 'Plan de vivendas baleiras'.

Neste sentido, a concelleira de Servizos Sociais de Vigo, Isaura Abelairas asegurou que "o protocolo é o que é". "E seguímolo para todos", manifestou en relación ao informe que lles reclaman e sobre o que insistiu que llo ten que pedir o xulgado aos servizos sociais municipais. "Agora mesmo acábanos de chegar do xulgado un informe para outra persoa, isto xa está a saír, non ten demora", sostivo.

A avogada de Aicha E. F. confirmou a Europa  Press que solicitou dúas veces no xulgado que se pedise aos servizos sociais municipais un informe para que constase a súa situación de vulnerabilidade. Asegura que no xulgado lle remitiron que o solicitase ela mesma na oficina municipal, onde lle contestaron que o procedemento é ao revés e que non actúan sen a petición xudicial.

ALUSIÓNS Á XUNTA

"O que está a facer a  Favec é entorpecer", criticou Abelairas, para engadir que a presidenta do colectivo veciñal cometeu "unha torpeza de tal calibre" que lle parece "ata delito". 

"Como se atreve a dicir que lle deamos un piso nas  Roteas? Non se pode dicir onde nin como van vivir estas persoas que están nunha situación desfavorecida. Todos somos moi solidarios, pero non os queremos á beira da nosa casa", desenvolveu a titular de Servizos Sociais de Vigo.

Abelairas aseverou que xa lles "levantaron" uns cantos pisos "por culpa destas informacións" e que agora non lle poden dar un destes pisos que supostamente están baleiros. "Que a Xunta de Galicia busque pisos, que as competencias tenas odas. Que os busque, que constrúa, que faga política de vivenda", expuxo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta