Malestar no cadro de Ferroatlántica e na Xunta pola poxa de interrumpibilidade

O presidente do comité lembra que en 2009, cando se pararon dous do tres fornos na planta de Sabón, a empresa presentara un ERE.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/12/2018 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

O presidente do comité de empresa de Ferroatlántica en Sabón, Alberto Ferreiro, e o conselleiro de Economía, Francisco Conde, mostraron este luns a súa preocupación polo impacto que pode ter na planta situada no municipio coruñés de Arteixo o resultado da poxa de interrumpibilidade.

Fábrica de FerroAtlántica
Fábrica de FerroAtlántica

De feito, Ferreiro lembrou que en 2009, cando a dirección tomou a decisión de parar dous dos tres fornos da factoría, expuxo un expediente de regulación de emprego (ERE) temporal. Desta volta, Ferroatlántica en Sabón mantén parado un forno, pero co obtido na última poxa (catro bloques de cinco megawatts), o presidente do comité dá por feito que nas próximas semanas terá que deter a actividade noutro.

Pola súa banda, Conde subliñou que "a política enerxética é o principal elemento de competitividade das empresas electrointensivas" e lamentou o anuncio de Alcoa para A Coruña e Avilés así como "a posibilidade de que isto se poida estender a outras empresas". "É un motivo de enorme preocupación", afirmou.

O representante dos traballadores na fábrica de Sabón fixo fincapé en que non dispoñen de ningunha información oficial por parte da compañía, e cargou contra os prezos da enerxía en España. Así mesmo, referiuse ao decreto recentemente aprobado polo Goberno, para constatar que as medidas que se deriven do mesmo posporanse nun período de seis meses.

"GOBERNO DESAPARECIDO"

"Lamentablemente temos un Goberno que está desaparecido, non hai unha estratexia de política enerxética que dea resposta ás empresas electrointensivas", criticou o conselleiro, pola súa banda. O responsable de Economía da Xunta urxiu "un marco eléctrico para 2019 que permita que as empresas electrointensivas poidan ter os mecanismos de compensación e os incentivos eléctricos para continuar a súa actividade".

"Esperamos que o Goberno de Pedro Sánchez reaccione e tome a iniciativa para plasmar cales poden ser os incentivos que garantan tanto a continuidade de Alcoa como as necesidades doutras empresas como Ferroatlántica", recalcou.

Respecto da poxa, censurou que foi "convocada a última hora" e que contemplase "unha redución dos bloques de 40 megawatts". "Ao final estamos nunha situación que non está a dar resultados de necesidades de curto prazo, por iso necesitamos urxentemente que o Goberno de Pedro Sánchez dea unha resposta", insistiu. Nesta liña, esixiu que "concrete incentivos para 2019", ao achacar ao Executivo central a "incerteza e inestabilidade" que afrontan as empresas. "Hai que reaccionar de forma inmediata", ao seu xuízo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta