O litoral lucense rexistra refachos de vento de 140 quilómetros por hora

Viveiro foi unha das localidades máis afectada. Á súa vez, a choiva deixou máis de 48,8 litros por metro cadrado en Rois (A Coruña).

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2018 | Actualizada ás 12:43

Comparte esta noticia

O vento deixou este martes refachos de intensidade máxima de 143,3 quilómetros por hora no municipio de Viveiro (Lugo) e de 136,7 en Cedeira (A Coruña) nunha xornada con aviso amarelo por vento forte.

Temporal Galicia, vento, choiva, mal tempo. Europa Press - Archivo
Temporal Galicia, vento, choiva, mal tempo. Europa Press - Archivo | Fonte: Europa Press

Segundo os datos publicados por Meteogalicia, recollidos por Europa Press, até as 12.00 horas, cando estaba activo o aviso por vento nas provincias de Pontevedra, A Coruña, A Mariña e centro de Lugo, o refacho máximo correspondeu a Viveiro, con 143,3 quilómetros por hora. Ademais de en Cedeira, noutras localidades con altitude inferior aos 900 metros, superáronse os 130 quilómetros por hora en Vimianzo (A Coruña), con 134,9 quilómetros por hora, mentres que en Cuntis (Pontevedra) se alcanzaron os 128,3 e os 119,6 en Abadín (Lugo).

Asemade, en zonas con altitude maior de 900 metros, o vento deixou refachos máximos de 127,8 quilómetros por hora en Carballeda de Valdeorras (Ourense), de 105,6 en Cervantes (Lugo) e de 104,2 na Veiga (Ourense). Na montaña ourensá e luguesa mantense o aviso até as 15.00 horas deste martes por refachos superiores a 70-80 quilómetros por hora.

CHOIVA

Pola súa banda, a choiva deixou, en zonas de menos de 900 metros de altitude, máis de 48,8 litros por metro cadrado no municipio de Rois (A Coruña) até o mediodía deste martes. En Lousame, tamén na Coruña, rexistráronse 44,1 litros por metro cadrado.

Nesta mesma provincia destacaron tamén Zas, con 42,3 litros por metro cadrado; Santa Comba, 39,5; e Vimianzo, con 37,2. En zonas altas, de máis de 900 metros de altitude, os rexistros de Meteogalicia até o mediodía apuntan 22,5 litros por metro cadrado en Rodeiro (Pontevedra), 12,5 en Muíños (Ourense), 7 en Vilariño de Conso (Ourense) e 4,9 en Pedrafita do Cebreiro (Lugo).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta