Presentan na Xunta alegacións contra a actualización do proxecto de mina O Pino-Touro

Cobre San Rafael, promotora do proxecto mineiro, presentou recentemente documentación para actualizar os requerimentos de apertura da explotación.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2018 | Actualizada ás 19:33

Comparte esta noticia

Este martes, membros da Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON presentaron no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, as consideracións e novas alegacións sobre a actualización do proxecto de explotación mineira a ceo aberto presentado no seu día por Cobre San Rafael. Para isto, a empresa  “achegando nova documentación en resposta ás alegacións ao proxecto presentado inicialmente en agosto de 2017”, di en nota de prensa a Plataforma Veciñal.

Manifestación contra a mina O Pino-Touro
Manifestación contra a mina O Pino-Touro | Fonte: Plataforma veciñal

Nas alegacións iniciais, aportadas tanto nos informes sectoriais da Xunta como desde diversos colectivos e particulares, "puxéranse de manifesto as carencias de información e documentación como os impactos que o proxecto tería na saúde, no medio natural, nas augas, no patrimonio e no medio socioeconómico”.

Para a Plataforma Veciñal “os documentos da actualización evidencian que o proxecto non sufriu ningún cambio significativo, reafírmase o proxecto orixinario en todo o substancial: mesmo espazo temporal, número de cortas, superficie afectada, método de extracción, cantidade de material a remover e mineral a extraer, tratamento das augas, desvío de cauces, balsas de estériles, sistema de impermeabilización, plan de restauración”.

A Plataforma tamén acusa estes informes de estaren sobredimensionados con outros “informes con múltiples anexos adicionais, reiterativos, contendo ás veces información contraditoria entre si”. Todo isto “a pesares de que seguen sen aportar toda a documentación que lle foi requirida pola Administración”.

Insisten ademais que “moitos documentos volven a reproducir literalmente o xa recollido no proxecto orixinario e outros repiten o aportado noutro apartado desta última actualización”. Mesmo indican que hai “documentos nos que, a instancia das alegacións feitas inicialmente, se actualizan ou completan datos, pero aqueles mesmos desfasados e incompletos aportados volven a aparecer agora noutro documento da nova actualización do proxecto” , cousa que dá “idea dunha absoluta descoordinación e falta de rigor na redacción do mesmo”.

Por último, no comunicado da Plataforma indican que: “tras a lectura desta nova documentación aportada pola empresa non cabe senón recordar as palabras pronunciadas a principios de xullo deste ano polo Conselleiro de Economía, Francisco Conde, nas que afirmaba que o proxecto “tal como está presentado non é viable”. A súa afirmación sigue vixente, Sr. Conselleiro”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta