Galicia ten unha das taxas máis altas de mortalidade en España

Os problemas circulatorios e os tumores, principais causas de morte no país. O cancro de pulmón é a principal causa entre homes, mentres que as galegas falecen máis por accidentes cerebrovasculares.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/12/2018 | Actualizada ás 16:37

Comparte esta noticia

Os problemas circulatorios e os tumores foron, ao longo de 2017, as principais causas de morte en Galicia, un ano no que faleceron 31.961 persoas, segundo en estudo de Defuncións segundo a Causa da Morte publicado este mércores polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Cancro de pulmón.
Cancro de pulmón.

En concreto, o informe destaca que, do total de persoas falecidas en Galicia durante ese ano, o 30% morreron por mor de enfermidades do sistema circulatorio (9.677), mentres que o 27,19% faleceron por tumores (8.692). Entre as restantes causas de morte destacan as enfermidades respiratorias, que causaron case 4.000 falecementos.

Entre os tumores, os que máis frecuentemente causan o falecemento dos galegos son os de pulmón, traquea e bronquios (1.563), o de colon (884) e o de páncreas (579). En canto ás enfermidades circulatorias, destacan os accidentes cerebrovasculares (2.179), as insuficiencias cardíacas (1.578) e os infartos agudos de miocardio (1.004).

Entre as causas de morte externas, que en 2017 supuxeron 1.158 falecementos en Galicia, o 34,2% debéronse a caídas accidentais (397), seguidas de preto polos suicidios (323) e os accidentes de tráfico (136). Ademais, 91 persoas morreron afogadas.

Galicia rexistra unha taxa bruta de mortalidade por cada 100.000 habitantes das máis elevadas de España (1.182,3), só superada por Asturias (1.277) e Castela e León (1.195,8).

CIRCULATORIO NELAS, TUMORES NELES

Se se analizan os datos por sexo, as enfermidades circulatorias son as que causan un maior número de mortes en Galicia entre as mulleres, mentres que os galegos falecen máis por mor de tumores.

En concreto, das 16.105 mulleres falecidas ao longo de 2017 en Galicia, 5.410 morreron por enfermidades do sistema circulatorio, un 33,5%, mentres que 3.461 foi por mor de tumores.

Entre os cancros que máis mortalidade causan ás mulleres galegas está o de mama (455) e o de colon (390); mentres que as patoloxías circulatorias con maior mortalidade feminina son os accidentes cerebrovasculares (1.338) e as insuficiencias cardíacas (994), así como as enfermidades hipertensivas (609).

Pola súa banda, a principal causa de morte entre os homes galegos foi en 2017 o cancro de pulmón, traquea e broquios (1.225), seguido do de próstata (531) e o de colon (494). Así mesmo, as enfermidades do sistema circulatorio causaron a morte de 4.267 homes, entre elas os accidentes cerebrovasculares (841) e os infartos (600).

ACCIDENTES DE TRÁFICO ENTRE OS MÁIS NOVOS

Das 88 persoas falecidas en Galicia durante o ano pasado entre 15 e 29 anos, máis da metade morreron por causas externas (48). Delas, a principal causa de morte neste grupo de idade foron os accidentes de tráfico (43%) que, xunto aos suicidios (39%) copan practicamente todas as mortes non naturais dos mozos galegos.

Ampliando a franxa de idade desde os 15 aos 39 anos, o suicidio é a causa de morte externa máis frecuente en Galicia, con 49 casos (case a metade dos falecementos non naturais de 2017). A continuación atópanse os accidentes de tráfico, con 34 casos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta