As vendas e os pedidos da industria en Galicia crecen máis do 10% en outubro

A facturación da industria galega acumula un incremento do 8,4% e os pedidos, do 4,1%.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2018 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

A cifra de negocios da industria en Galicia creceu un 10,5% en outubro en relación co mesmo mes do ano anterior, mentres que os pedidos subiron un 16,9%, segundo os datos que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Nave Industrial. EUROPA PRESS - Archivo
Nave Industrial. EUROPA PRESS - Archivo | Fonte: Europa Press

Mentres, de media no que vai de ano, de acordo con Estatística, a facturación da industria galega acumula un incremento do 8,4% e os pedidos, do 4,1%. No conxunto estatal, a cifra de negocios da industria creceu un 8,1% o pasado mes de outubro respecto ao mesmo mes de 2017, mentres que as entradas de pedidos do sector disparáronse un 8,7%.

Co dato de outubro, tanto a facturación como os pedidos da industria regresan a taxas positivas despois dos descensos interanuais que rexistraron en setembro. No caso da cifra de negocios, a taxa de outubro foi 8,4 puntos superior á de setembro e o terceiro maior crecemento do ano, mentres que nos pedidos a taxa interanual foi 12 puntos superior, rexistrando a súa segunda maior marca de 2018 após a de abril (+12,8%).

Corrixido o efecto calendario e a estacionalidade, a cifra de negocios da industria creceu un 4,8% en outubro, taxa 2,1 puntos superior á de setembro. Os pedidos, pola súa banda, incrementáronse un 5,8%, fronte ao descenso do 0,6% que experimentaran no mes anterior.

En termos mensuais (outubro sobre setembro) e corrixindo a estacionalidade e o efecto calendario, a facturación da industria aumentou un 1,3%, fronte ao retroceso do 1% do mes anterior. Pola súa banda, as entradas de pedidos creceron un 2,9% en outubro respecto ao mes anterior, en contraste coa forte diminución do 3,4% do mes anterior.

A ENERXÍA DISPARA VENDAS E PEDIDOS

Por sectores industriais, a enerxía foi a que máis elevou as súas vendas no décimo mes do ano, cun avance interanual do 36,7%, seguido dos bens intermedios (+7,8%); os bens de consumo duradeiro (+6,6%); os bens de consumo non duradeiro (+5,5%) e os bens de equipo (+3,7%).

Por comunidades autónomas, a cifra de negocios da industria diminuíu en Castela e León (-5,4%) e Canarias (-1%), e aumentou no resto de rexións, fundamentalmente en Navarra (+19,9%), Castela-A Mancha (+18,1%) e Murcia (+15,4%).

En canto aos pedidos, a enerxía foi o sector que rexistrou o maior repunte, cunha alza do 36,5%, seguido dos bens de consumo duradeiro (+9,8%), os bens de equipo (+7,2%), os bens de consumo non duradeiro (+6,6%) e os bens intermedios (+5,9%).

O pasado mes de outubro, as entradas de pedidos aumentaron en 13 comunidades autónomas, especialmente en Madrid (+25,8%) e Navarra (+21,3%), e baixaron en catro: Castela e León (-6,6%), Baleares (-2,5%), Aragón (-2,1%) e Canarias (-1,1%).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta