A empresa de residuos detrás da depuradora de Teo presentará un novo plan en xaneiro

A veciñanza de Casalonga teme que sexa un plan que traia un vertedoiro disfrazado de restauración dunha vella canteira.

Por Galicia Confidencial | Teo | 20/12/2018 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

A plataforma Casalonga Limpa de Residuos, tivo unha reunión coa Subdirección Xeral de Minas. Logo da xuntanza a plataforma “constata que a empresa de residuos entregará un novo plan no mes de xaneiro”. Despois do arquivo en firme do expediente a mediados de decembro, “a plataforma volve a poñerse alerta, o novo ano traeralles o vertedoiro encuberto disfrazado dun novo plan de restauración da canteira”.

cadea humana en Casalonga
cadea humana en Casalonga | Fonte: plataforma veciños

Pola súa banda a Dirección Xeral de Minas requiriu á empresa dona da canteira, a presentación dun plan de traballo e “comezar a actividade mineira antes de tres meses se non quere perder a concesión mineira”.

Varios membros da plataforma Casalonga Limpa foron recibidos o pasado mércores na Subdirección Xeral de Minas para revisar o expediente do “temible plan de restauración da canteira presentado pola empresa de residuos Toysal”. Este expediente é imprescindible para a explotación mineira Casalonga 6996.

O pasado mes de decembro os veciños e veciñas da área de Casalonga mobilizáranse para protestar contra o plan de restauración da canteira presentado por Toysal, propietaria dos terreos.  “O macrovertedoiro camuflado tivo en fronte unha oposición social contundente”.  Segundo a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos “finalmente a mobilización veciñal tivo os seus froitos e a plataforma puido constatar, tras acceder onte ao contido do expediente en minas, que este 15 de decembro foi arquivado en firme”.

Non obstante, tras denegar definitivamente o anterior plan “Minas requiriu a empresa a presentación dun plan de laboreo para o vindeiro mes de xaneiro”. Toysal terá un prazo de “tres meses para comezar coa actividade mineira”. Se non entrega un novo plan de restauración “ten a obriga de aplicar o feito por Camilo Carballal, antigo dono da canteira”.

Dende a plataforma “chegan á conclusión de que o único xeito de rematar definitivamente co problema é modificar a lexislación estatal e autonómica que permite o emprego das canteiras como vertedoiros, así como unha maior protección do espazo do monte de Casalonga no PXOM de Teo”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta