Indignación pola sentenza que establece a multa pola catástrofe 'Prestige', 16 anos despois

O BNG cualifica de "burla a Galicia" o fallo do Tribunal Supremo que fixa en máis de 1.500 millóns as indemnizacións definitivas pola catástrofe do Prestige. O PSdeG fala de responsabilidades políticas "pendentes". Arco Iris dubida que o fallo do Supremo do Prestige "poida chegar a cumprirse".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 20/12/2018 | Actualizada ás 17:45

Comparte esta noticia

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista no Parlamento galego, Patricia Vilán, apuntou ás responsabilidades políticas "pendentes" en relación coa catástrofe do Prestige após o fallo do Tribunal Supremo sobre as indemnizacións definitivas, que sitúa en máis de 1.500 millóns de euros.

Unha marea de voluntarios limpa as rochas contaminadas polo chapapote do 'Prestige'
Unha marea de voluntarios limpa as rochas contaminadas polo chapapote do 'Prestige' | Fonte: Miguel Núñez.

A socialista advirte que Galicia "segue a ser hoxe un corredor atlántico de buques" e remarca que, de repetirse a catástrofe, "a situación seguiría exactamente igual".

Por iso, considera "imprescindible que a sociedade cambie a percepción sobre o Medio Ambiente e que os que dixeron que eran 'hilillos de plastilina' [Mariano Rajoy] dean a cara para asumir responsabilidades políticas", indica sobre a xestión do sinistro por parte do PP cando gobernaba José María Aznar.

Vilán lamenta tamén "a lentitude da xustiza". "Estamos contentos por ter unha sentenza, pero esta chega 16 anos despois do desastre polo que dificilmente pode ser xusta", indica.

Mentres sinala que tanto o Estado como o Goberno galego teñen que abonar as contías e recibir aqueles que adiantaron no seu día, "ademais de estar pendente a reclamación de España ante o Reino Unido", lembra.

"BURLA A GALICIA"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou como "unha nova burla a Galicia" a sentenza do Tribunal Supremo.

Pontón remarcou o feito de que o fallo, após os recursos presentados á sentenza ditada pola Audiencia Provincial da Coruña, chegue "16 anos despois da catástrofe". Do seu contido, afirma que é "decepcionante" e inxusto".

"Significa unha nova burla a todos os galegos e galegas que vimos cales eran as graves consecuencias da catástrofe", manifestou Pontón, para quen é "frustrante" ver unha xustiza "máis interesada en defender aos poderes do Estado e económicos que non facer xustiza".

Así, do preito xudicial que orixinou o sinistro, lamenta que "deixase libre de toda responsabilidade a Aznar, Rajoy e Álvarez Cascos", sinala sobre o goberno do PP cando se produciu a catástrofe, en novembro de 2002.

Por outra banda, sobre as indemnizacións, reclama que haxa un investimento en Galicia, "na recuperación das nosas costas", aínda que cuestiona o importe da cantidade fixada finalmente como indemnizacións. "Non nos poden dicir que todo o chapapote que asolagou as nosas costas son só 1.500 millóns de euros, os danos son maiores", engadiu.

"NON CHEGARÁN NUNCA A SER COBRADOS"

A organización ecoloxista Arco Iris destaca que a sentenza do Tribunal Supremo sobre o Prestige "emenda en parte" o fallo ditado no seu momento pola Audiencia Provincial da Coruña. Con todo, pon en dúbida que "poida chegar a cumprirse".

"Os máis de 1.500 millóns nos que o Tribunal Supremo taxa os danos ocasionados non chegarán nunca a ser cobrados polas partes demandantes, xa que a aseguradora do barco (London P&I Club) négase sistematicamente a asumir a súa responsabilidade".

"Outra dificultade engadida é o proceso do Brexit, xa que a aseguradora ten a súa sede en Londres", lembra a organización para quen isto fará "moi difícil" que o tribunal europeo "poida intervir contra Reino Unido no caso de que ese país deixe de pertencer á UE".

Após o fallo do Supremo, Arco Iris afirma tamén que "parece chegarse ao final deste tortuoso proceso no que moitos depositaran as súas esperanzas, pero só atoparon decepción e desconfianza nunha xustiza que nunca levou a iniciativa".

CONTÍA DAS INDEMNIZACIÓNS

No seu fallo, o Supremo fixa indemnizacións a pagar polos responsables civís da traxedia ao Estado español —como principal prexudicado—, o francés, a Xunta de Galicia e outros 269 afectados pola vertedura, entre particulares, empresas, mancomunidades, concellos e sociedades.

A sentenza aumenta a contía inicial fixada pola Audiencia Provincial da Coruña ao recoñecer a Francia e España que deben incluírse as cantidades correspondentes ao IVE abonado nas tarefas de reparación do dano sufrido, concepto que no caso do Estado español ascende a 43,6 millóns. Tamén estima que non poden ser descontadas as cantidades recibidas en concepto de axudas de fondos comunitarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta