GC Aberto

¡Vostede é o asasino!

Non debemos pensar que quen xa foi condenado é o único que nos pode danar; senón que temos que saber que calquera persoa (incluídos nós mesmos) é un delincuente e un homicida en potencia.

Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 13/01/2019

Comparte esta noticia

¡Si, vostede pode ser un asasino! E eu. E a veciña de enfronte. Que ninguén o dubide!; é importante.

Material intervido en casa do presunto violador de Marín
Material intervido en casa do presunto violador de Marín

Fago esta reflexión con respecto á morte violenta da xove profesora Laura Luelmo. Diante deste tráxico e deplorable suceso (especialmente doloroso para quen de mozos —comezando con ilusión e o orgullo dos nosos pais, grazas a cuxo esforzo puidemos estudar, a nosa vida profesional— fixemos substitucións en pequenos pobos e lembramos can inocentes e inxenuos eramos fronte aos aldeáns) están a propoñerse diferentes medidas contra o «machismo asasino», coma se na historia da evolución humana, e en todas as sociedades coñecidas, os homes —e as mulleres— nunca matasen aos seus conxéneres; sobre todo aos do seu mesmo sexo: no presente século e nos países desenvoltos, prodúcense cada ano sete veces máis homicidios de homes —causados por homes— que de mulleres; e por motivos máis triviais.

Unha desas hipotéticas medidas correctoras sería a educación, obviando que asasinos e asasinas de toda índole, extracción social e formación houbo —e haberá— dende que o ser humano está sobre a face da terra, o cal se explica, paradoxalmente, pola nosa natureza racional, e tamén pola pasional.

Foi na Ilustración, con Rousseau e o seu Emilio á cabeza, cando a fe na educación substituíu á fe relixiosa como método para perfeccionar aos individuos e posibilitar o xurdimento dun Home novo ceibo de ignorancia e, en consecuencia, máis xusto e mellor cidadán. A Revolución Francesa, as guerras napoleónicas e as dúas guerras mundiais do século XX son proba suficiente de que os resultados non foron os esperados. Ao longo da historia da humanidade os grandes criminais posuíron os primeiros e os últimos coñecementos, sen ignorar apenas nada, o cal non os fixo mellores persoas.

Outra proposta para evitar esta clase de crimes é informar á poboación cando algún delincuente perigoso sexa excarcerado, así como advertir do seu lugar de residencia; precaución adoptada hai xa tempo nalgúns estados dos Estados Unidos. Sen pasar por alto que supoñería unha violación do dereito constitucional de todo cidadán a rehabilitarse e reincorporarse á sociedade, ademais de emular aos denigrantes sambenitos inquisitorais medievais, sería un grave erro.

Similar ao cometido cando apareceu a SIDA na década de 1980. Neses anos as autoridades decidiron que a mellor maneira de evitar contaxios entre o persoal sanitario era identificar aos pacientes infectados. Por exemplo, para a realización de probas sanguíneas marcábanse os tubos de mostra dos seropositivos cun tapón dunha determinada cor. Até que caíron na conta de que esta solución xeraba unha falsa seguridade debido a que os traballadores daban por inocuas as mostras non sinalizadas, cando non tiña por que ser así. Entón, optouse por considerar como potencialmente infectados a todos os pacientes e implementouse a protección universal actual.

Cos delitos temos que comportarnos do mesmo xeito. Non debemos pensar que quen xa foi condenado é o único que nos pode danar; senón que temos que saber que calquera persoa (incluídos nós mesmos) é un delincuente e un homicida en potencia. Que pase da potencia ao acto non depende tanto dos seus antecedentes penais como da combinación dunha serie de factores e circunstancias individuais e sociais —e até políticas—, puntuais e/ou estruturais, imposibles de prever. E a maioría das veces tamén difíciles de comprender.

Por iso é fundamental que os cidadáns non deleguen a súa protección persoal no Estado, nin confíen en ningunha ideoloxía salvadora supostamente capaz de cambiar aos homes —e erradicar desta forma o mal existente no mundo— se se modifican as leis acorde á súa doutrina, e se obtén o financiamento que considere necesario para elo. Como nos ensina Hobbes en Leviatán: «Ao instituír un Estado, cada home [e cada muller] renuncia ao seu dereito de defender a outro, pero non ao de defenderse a si mesmo».

E é que ao morto nada lle importa, nin nada lle aporta, que a policía deteña e o xuíz encarcere —ou mesmo ordene executar— ao seu asasino.

Xabier Vila-Coia 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta