Localizado o corpo sen vida dun home baixo unha piragua fronte o Parador de Baiona

Un veciño que paseaba pola zona avisou ao redor das seis menos cinco da tarde aos servizos de emerxencia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2018 | Actualizada ás 20:06

Comparte esta noticia

O corpo sen vida dun mozo foi localizado baixo unha piragua en fronte do Parador de Baiona (Pontevedra), despois de que un veciño que paseaba pola zona ao redor das seis menos cinco da tarde avisase aos servizos de emerxencia.

Parador de Baiona
Parador de Baiona | Fonte: amaianos en Flickr.

Desde Salvamento Marítimo informouse de que un particular se puxo en contacto co centro de Salvamento de Vigo para alertar sobre a presenza da piragua envorcada preto do Parador, aínda que non se vía a ningunha persoa sobre a auga.

Salvamento púxose entón en contacto co club náutico de Baiona (MRCY), e mobilizou á Salvamar Mirfak así como ao helicóptero Pesca 1 de Gardacostas da Xunta de Galicia.

Os membros do Monte Real Club de Iates de Baiona que se desprazaron á zona en embarcación foron os primeiros en localizar o corpo sen vida dunha persoa baixo a piragua. No entanto, segundo as instrucións de Salvamento, esperaron até a chegada da Pesca 1 ao lugar.

Así, o helicóptero de Gardacostas encargouse de recuperar o cadáver do mar e trasladalo ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

O 112 Galicia precisou que, tras a primeira chamada de alerta por parte dun particular, tamén se sucederon outras dos compañeiros do falecido, debido a que descoñecían o seu paradoiro desde que saíu coa embarcación durante a mañá.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta