A Casa de Rosalía pecha o ano cun concerto que honra a loita feminista

No evento deste venres tamén se entregará o I Premio de Ensaio Baltar Feijóo a María Xesús Lama e Emilio Insua.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/12/2018 | Actualizada ás 12:18

Comparte esta noticia

A Casa de Rosalía despide o ano, como xa vén sendo habitual, cun concerto. Nesta ocasión protagonizarano os integrantes do trío de jazz galego máis internacional, Sumrrá, que este venres 28, ás 20.00 horas, presentarán o seu último disco, '6 mulleres'. Nel inclúese un tema dedicado á poeta de Padrón.

Casa-museo de Rosalía de Castro, en Padrón (A Coruña)
Casa-museo de Rosalía de Castro, en Padrón (A Coruña)

Con este traballo, Sumrrá homenaxea a seis figuras femininas relevantes que son "fonte de inspiración na loita dun futuro mellor para toda a humanidade". Amais de Rosalía de Castro, tamén teñen oco neste proxecto musical outras mulleres como Frida Kahlo, Rosa Parks, Quin Jin, Malala Yousafsai e Nawal El-Saadawi. Deste xeito, os artistas pretenden facer unha achega ao feminismo a través da música contemporánea do século XXI.

O grupo Sumrrá fórmano o pianista Manuel Gutiérrez, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo e o batería L.A.R. Legido, e xa contan cunha gran proxección internacional, tal como certifican as súas xiras por festivales de Bolivia, Francia, Bulgaria, Sudáfrica, etc. Dende o ano 2000, cando naceu o conxunto, deixan atrás centos de concertos e cinco discos, dous deles gravados ao vivo.

PREMIO BALTAR FEIJÓO

Xusto antes do concerto musical entregarase o I Premio de Investigación e Ensaio Ramón Baltar Feijóo, unha distinción que recibirán ex aequo María Xesús Lama e Emilio Insua. 'Cantos de independencia e liberdade' (Galaxia, 2017) e 'A nosa Terra é nosa: a xeira das Irmandades da Fala 1916-1931' (Baía Ensaio, 2016), respectivamente, foron as obras que lles valeron o galardón. 

O xurado do Premio compuxérono Xosé Luís Axeitos, da RAG; Xosé Ramón Barreiro Fernández, historiador e ex presidente da RAG; María Xesús Pato, escritora; Alba Nogueira, profesora da USC; Ernesto Baltar, membro da familia Baltar Feijóo; Anxo Nogueira, presidente da Fundación Rosalía; e Xosé Carlos Beiró, secretario desa mesma organización.

Todos eles destacaron a alta calidade dos traballos presentados, mais salientaron a "relevancia" das dúas obras premiadas neste certame cuxa primeira edición se convocou en abril deste ano. O obxectivo perseguido co Premio de Investigación e Ensaio Ramón Baltar Feijóo era o de contribuír ao fomento do estudo do período histórico relativo ao fondo documental que leva o seu nome e que foi depositado no Arquivo da Casa de Rosalía pola familia Baltar García-Peñuela.

Este galardón pretende tamén honrar os valores de protección e mecenado da familia para con Padrón, coa cultura galega en xeral e para con figuras de tal importancia como Rosalía de Castro, Manuel Murguía ou Castelao.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta