"Cobre San Rafael propón facer un parque temático da contaminación mineira"

Adega denuncia que esta empresa fai "propostas delirantes que abeiran o máis absoluto cinismo", coa creación do primeiro parque de estudo de organismos estremófilos, para "estudar a vida extraterrestre"

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/12/2018 | Actualizada ás 13:16

Comparte esta noticia

Na documentación achegada pola empresa Cobre San Rafael en resposta ás "graves deficiencias" postas de manifesto polos colectivos sociais e os informes da Xunta, hai unha "rocambolesca proposta que, da man do profesor Felipe Macías, pretende, facendo da necesidade virtude, crear o primeiro parque de estudo de organismos estremófilos". Así o denuncia este venres Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia", que engade: "Semella unha brincadeira, mais non o é". 

Adega explica que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural deu un "bo repaso" ao proxecto de reapertura da mina de cobre en Touro e O Pino, "poñendo de manifesto as graves eivas e irregularidades que contiña".

Río Portapego
Río Portapego | Fonte: Salvemos Cabana.

Entre outras deficiencias, Medio Ambiente subliñaba que non se describían as repercusións da vella mina no medio, amplamente detalladas en coñecidos estudos como o de Rosa Calvo, A. Pérez Otero e E. Álvarez Rodríguez: 'Efectos das minas de Arinteiro (A Coruña) sobre a calidade das augas super e subsuperficiais'.

Estes impactos foron reiteradamente corroborados polas analíticas de ADEGA primeiro, e logo polos propios datos de Augas de Galiza, que certificou a acidificación e a contaminación por metais pesados de todos os ríos arredor da mina nunha superficie de arredor de 65 km cadrados.

En resposta, Adega recorda que a mineira de Touro se viu obrigada a recoñecer os "pasivos ambientais" deixados pola explotación durante anos e que, segundo os seus propios informes se deberon “á ausencia de medidas protectoras, correctoras e mellores técnicas dispoñibles para a prevención de impactos ambientais durante a vida do proxecto, así como a non execución de actuacións de restauración e clausura sobre as superficies alteradas con carácter previo ao cese da actividade". 

Deste xeito, e con este parágrafo, "a empresa non só sinala a súa responsabilidade polo que atinxe á contaminación provocada pola mina, senón que tamén pode estar recoñecendo un presunto delicto ecolóxico", di Adega.

PARQUE DE BACTERIAS EXTREMÓFILAS

Cobre San Rafael retruca con "propostas delirantes que abeiran o máis absoluto cinismo", critican os ecoloxista, que sinalan con sorna que "se as augas están tan contaminadas pola mina que só poden sobrevivir bacterias primitivas onde antes nadaban insectos, peixes, anfibios... pois facemos un parque temático de bacterias estremófilas para estudar a vida extraterrestre!".

Con esta "medida experimental", Adega cre que a empresa "pretende escorrer o vulto e desviar a súa responsabilidade da nefasta xestión da explotación e que provocou a prática esterilización dalgúns ríos veciños á mina".

“Nestas augas do Portapego non se realizaron labores de recuperación pola presenza de organismos  extremófilos con maior diversdade descoñecida para a ciencia que no río Tinto. A corrección deste sistema podería supoñer a eliminación dunha biodiversidade de elevado interese científico para aspectos como a orixe da vida, as posibilidades de vida extraterrestre”, argúe a empresa.

Para Adega, "semella que case debemos agradecer a Cobre San Rafael o ácedo e os metais pesados vertidos durante anos dende a explotación mineira, porque deste xeito hoxe podemos investigar bacterias primitivas e contribuir ao estudo da vida extraterrestre. A empresa compara a situación coa do río Tinto, en Huelva, un sistema de augas hiperácidas que drena de xeito natural, unhas fomacións xeolócicas moi particulares".

En Touro, "Cobre San Rafael parece esquecer", segundo Adega, que "alta acidez e a elevada metalicidade das augas débense ao «pasivo ambiental» deixado pola súa explotación". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta