Lugo recuperará 600 novas hectáreas abandonadas para o uso agrícola e gandeiro

En total serán 1.888 hectáreas abandonadas as que se recuperaron en toda a provincia en beneficio directo de 356 agricultores e gandeiros.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 31/12/2018 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

Lugo recuperará case 600 hectáreas abandonadas para usos agrarios e gandeiros. Será grazas ao traballo que realizarán 136 profesionais lucenses con axudas de 300.000 euros da Deputación de Lugo dirixidas a gandeiros e agricultores da provincia. Súmanse así a outros 220 agricultores e gandeiros que xa recuperaron 1.200 hectáreas coas anteriores edicións desta programación para activar a vida no rural. 

Unha aldea abandonada de Viveiro a punto de ser vendida por un portal que vende ao estranxeiro
Unha aldea abandonada de Viveiro a punto de ser vendida por un portal que vende ao estranxeiro | Fonte: XdM

Segundo apunta a deputación, todo isto supón a posta en valor dun total 1.888 hectáreas de terras abandonas no conxunto do territorio lugués en beneficio directo de 356 profesionais lucenses do sector agrogandeiro. Así, na Montaña, recuperaranse 184 hectáreas con 92.300 euros en axudas a 42 gandeiros e agricultores de Concellos desta Comarca; na Terra Chá, 171 hectáreas e 85.600 euros en 39 axudas; na Comarca de Lugo, 97 hectáreas e 48.200 euros en 23 axudas; na Comarca de Sarria, 45,6 hectáreas con 22.800 euros en 14 axudas; na Mariña, 31 hectáreas con 15.900 euros en 7 axudas; en Lemos e Chantada, 24,5 hectáreas con 12.300 euros en 6 axudas e na Ulloa 26,1 hectáreas con 13.100 euros en 4 axudas. 

As axudas de 300.000 euros concedéronse en réxime de concorrencia competitiva. É dicir, todos os gandeiros e agricultores a título individual, agrupación de produtores, SATs ou persoas xurídicas con titularidade de explotacións da provincia puideron optar ás mesmas. Para resultar beneficiados, tiveron que acreditar que a súa actividade profesional principal é a agricultura ou a gandeiría, así como que dispoñen de cando menos 1 hectáreas baldía en réxime de propiedade, aluguer ou froito dunha cesión ou doazón. Os adxudicatarios teñen a obriga de ter agora en produción o espazo recuperado un mínimo de 5 anos e sempre para actividades agrícolas ou gandeiras, pois as plantacións forestais non se subvencionan. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta