O paro descende un 8,5% en decembro grazas ao Nadal

Cae en 15.718 persoas en 2018 en Galicia e sitúase en 169.295 desempregados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2019 | Actualizada ás 10:20

Comparte esta noticia

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) reduciuse en 15.718 persoas en 2018 en Galicia, unha diminución do 8,5%, máis de dous puntos por encima da media (-6,17%). Un feito que se produce grazas ás contratacións durante o Nadal.

Paro, Parados Emprego, Desemprego, Traballo, INEM, Seguridade Social, Autónomo. EUROPA PRESS - Arquivo
Paro, Parados Emprego, Desemprego, Traballo, INEM, Seguridade Social, Autónomo. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

En decembro, en relación con novembro, a comunidade contabilizou 1.074 desempregados menos, o que supón un descenso intermensual do 0,63%.

Mentres, no conxunto estatal, o paro baixou en 210.484 desempregados en 2018 (-6,17%), sexto descenso anual consecutivo, aínda que o menos pronunciado desde o exercicio 2013, de acordo cos datos que publica este xoves o Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.

As catro provincias galegas rebaixaron o paro en 2018, lideradas pola Coruña (-9,3% e 6.835 persoas menos no desemprego). Seguíronlle Lugo (-8,93% e 1.600 parados menos), Pontevedra (-8,76% e 6.452 menos) e Ourense (-4,17% e 831 menos).

Con respecto ao mes anterior, as diminucións foron menos acentuadas: -1,89% en Lugo, -1,88 en Ourense, -0,52% na Coruña e -0,07% en Pontevedra. Así as cousas, o desemprego repártese entre as 67.192 persoas en Pontevedra, 66.691 na Coruña, 19.099 en Ourense e 16.313 en Lugo. A distribución por sexo é de 95.912 mulleres e 73.383 homes.

En canto ao paro entre estranxeiros, afectou en decembro a 9.710 persoas, 186 menos que en novembro (-1,88%) e 269 menos que en igual período de 2017 (-2,7%). Eran 5.893 extracomunitarios e 3.817 comunitarios; 5.549 no sector servizos e 2.100 no colectivo sen emprego anterior.

CONTRATOS

Os contratos en Galicia ascenderon a 72.251, 12.176 menos que en novembro (-14,42%) pero 720 máis que en decembro do ano anterior (+1,01%). Esta contratación foi, como é habitual cada mes, principalmente temporal: 66.023 contratos (-13,53% en evolución mensual) fronte a 6.228 de carácter indefinido (-22,86% en relación con novembro). Por provincias, A Coruña anotouse 31.588 e Pontevedra 27.761, fronte a 7.330 firmas en Lugo e 5.572 en Ourense.

Deste xeito, no acumulado, Galicia conta con 1.082.126 contratos, 983.529 de tipo temporal (o 90,89%) e os 98.597 restantes indefinidos (9,11%).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta