O alcalde de Cerceda recorrerá o fallo que o condena a un ano e medio de prisión e 16 de inhabilitación

O rexedor, que se deu de baixa do PSdeG, confirma que non dimitirá tras unha sentenza condenatoria por prevaricación e delito de fraude á administración.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 04/01/2019 | Actualizada ás 13:22

Comparte esta noticia

O alcalde de Cerceda (A Coruña), José Luís García Liñares, recorrerá a sentenza do Xulgado do Penal número dous desta cidade que o condena a ano e medio de prisión e a un total de 16 anos de inhabilitación como autor dun delito de prevaricación e coautor doutro delito de fraude á administración.

José García Liñares, alcalde de Cerceda, nun acto en Carral
José García Liñares, alcalde de Cerceda, nun acto en Carral

A condena ten a súa orixe nas irregularidades denunciadas no seu momento polo PP sobre o procedemento seguido para a adxudicación e contratación das lagoas do parque botánico do Acevedo e para unhas obras de drenaxe para evitar que a auga alagase unha senda.

No fallo considérase probado que houbo unha adxudicación das obras, por un proxecto que se encargou desde o concello en 2011 e que foi inaugurado en 2015, "de forma irregular e arbitraria, sen seguir o procedemento legal". "A intención era terminar as obras no menor tempo posible e polas empresas que había previamente elixidas", sostén tamén.

Por estes feitos, tamén é condenado o arquitecto municipal, Antonio José Varela Mallo, como cooperador necesario dun delito de prevaricación, coautor dun delito de fraude á administración e autor doutro de falsidade de certificado. No seu caso, cunha condena dun ano e seis meses de prisión, 12 anos de inhabilitación e un ano e tres meses de suspensión no seu cargo.

García Liñares, alcalde de Cerceda desde 1995 e responsable tamén da área de Deportes na Deputación da Coruña, na que goberna un bipartito de PSdeG e BNG, confirmou a Europa Press que recorrerá o fallo, ante a Audiencia coruñesa, para demostrar a súa "inocencia".

Da sentenza, rexeitou ser o autor dos feitos que se consideran probados. En particular, delegou no secretario municipal o procedemento seguido para a contratación. "Asumiu que era a súa culpa", dixo Liñares sobre a declaración deste no xuízo, incidindo en que el, como alcalde, non tivo nada que ver nela.

NON DIMITARÁ

"Non dimitirei", manifestou tamén ao ser preguntado se o faría tanto á fronte da Alcaldía como do cargo que ostenta na Deputación coruñesa.

Mentres, desde a dirección provincial do PSOE, fontes consultadas por Europa Press recordaron que Liñares se deu de baixa no partido tras a súa imputación. Con todo, indicaron que están "a estudar" a sentenza. Tras esta condena e sobre o posible candidato socialista nas próximas eleccións municipais, manifestaron que é "pronto para falar diso". "Non toca", sentenciaron a este respecto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Elena Nito del Bosque

Non toca, falar dos concelleiros do PSOE que manteñen a un POLITICO CORRUPTO de Alcalde, estase a ver por fin o que hay, un cacique e os seus esbirros de encefalograma plano sen palabra nos plenos, non hay vergoña, xa nin sequera se gardan as apariencias. A politica en Cerceda está en bolas, á altura do betún.