A sanidade pública non se vende

Dispor dunha atención sanitaria pública, universal e de calidade é un dereito cidadán, independente da condición social ou do lugar de residencia. Porén a progresiva aplicación de políticas ultraliberais, que se propoñen desmantelar o raquítico Estado do benestar e que favorecen a privatización da sanidade pública, están provocando un colapso do sistema e ao mesmo tempo están estragando a nosa saúde.

Por Óscar Lomba | Vigo | 07/01/2019

Comparte esta noticia
O Partido Popular de Galicia concibe o sistema sanitario coma se dunha mercancía máis se tratase e por iso estamos asistindo a un deterioro paulatino do sistema. Centros sanitarios obsoletos e con material deteriorado, carencias de persoal sanitario e administrativo, gastos farmacéuticos elevados, incremento da listas de espera...
 
Eses procesos de privatización dos servizos públicos forman parte do chamado proceso de mercantilización do Estado de Benestar. A campaña de depreciación do público e de mingua do papel do Estado arrinca xa hai varias décadas e a partir da crise financeira de 2008 asistimos a unha forte especulación e unha feroz financiarización da economía que sustenta a progresiva mercantilización do Estado de Benestar. E a sanidade non escapa a este proceso, xa que a actual depresión económica está sendo utilizada como ariete para debilitar o Estado de Benestar e para favorecer a incorporación de negocio nos servizos públicos.
 
Non existe evidencia ningunha que demostre que a xestión privada é máis eficiente que a xestión pública. E con todo escoitamos falar constantemente de “xestión clínica”, “modernización”, “colaboración público-privada” ou “externalización”, eufemismos dunha estratexia deseñada para conducir á venda encuberta da sanidade pública, pero só daquelas partes ou segmentos rendíbeis que poden satisfacer os intereses económicos das empresas do sector.
 
Núñez Feijóo seguiu o camiño privatizador emprendido polo goberno de Mariano Rajoy. O Partido Popular de Galicia acometeu privatizacións soadas como a concesión da construción e explotación do Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo a unha Unión Temporal de Empresas (UTE) e recortes constantes no gasto público que comezaron cunha redución do orzamento sanitario en máis dun 18% desde o ano 2009, resultando a máis prexudicada a atención primaria con máis dun 22%. Esta redución trouxo como consecuencia a redución de persoal, xa que desde o inicio da crise até a actualidade perdéronse case 1800 prazas na sanidade pública galega e a eliminación de camas nos hospitais: 447 entre 2010 e 2014.
 
A construción do Hospital Álvaro Cunqueiro non supuxo unha solución ao problema e se engadimos os desastrosos acordos entre o SERGAS e POVISA concluímos que a nefasta política sanitaria do PPdeG conduciunos a actual situación de deterioro insoportábel do noso sistema sanitario.
 
Por todo o exposto volveremos mobilizarnos en Vigo o próximo 24 de xaneiro, porque a Sanidade Pública non se vende e porque defendemos a dignidade do sistema sanitario público e loitamos contra os recortes.

Manifestación en Santiago en defensa da sanidade pública
Manifestación en Santiago en defensa da sanidade pública
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Óscar Lomba Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966) Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista. É membro de ESCULCA.