Rexeitan excarcerar un represor de galegos desaparecidos durante a Ditadura arxentina

Sergio Raúl Nazario foi sinalado como coautor de 132 privacións ilegais da liberdade e aplicación de tormentos.

Por Galicia Confidencial | Buenos Aires | 08/01/2019 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A Xustiza arxentina rexeitou o pasado mércores a excarceración do xenocida Sergio Raúl Nazario, alias "Comandante Estevez",  no marco da querela que impulsa a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina (FAGRA) contra o I Corpo do Exército polos galegos e españois desaparecidos durante a última ditadura cívico-militar do país austral (1976-1983).

A Sala 1 da Cámara Criminal e Correccional Federal dispuxo "non facer lugar á excarceración" solicitada pola defensa de Nazario ao considerar que "podería entorpecer a investigación" e a obtención de probas que permitan determinar o modo en que sucederon os crimes de lesa humanidade polos que está acusado e os seus responsables,  segundo detalla o escrito.

Nazario foi sinalado como coautor de 132 privacións ilegais da liberdade e aplicación de tormentos, e é considerado como partícipe do homicidio agravado de dezanove persoas aloxadas no Centro Clandestino de Detención ‘Olimpo’ durante a ditadura, algunhas delas de orixe galega.

CENTRO DE DETENCIÓN E REPRESIÓN

A defensa solicitara a posta en liberdade do xenocida alegando,  entre outros, demoras desde a súa detención na provincia de Salta (norte) ata que se lle tomou declaración ao acusado.  Ante esta situación, a Federación como único querelante da colectividade galega e española na causa presentou un escrito no que solicitaba a permanencia do represor en prisión considerando que "existen probas que demostran que se desempeñou no CCDT 'Olimpo' onde foi coautor de delitos de lesa humanidade".

O texto lembra ademais que ante a orde de detención na súa contra, Nazario non se entregou senón que permaneceu prófugo, coa protección das forzas de seguridade da provincia de Salta, onde exerceu como subsecretario de Protección á Comunidade até 1996 e, posteriormente, como secretario da Gobernación da Seguridade.

"Non era calquera. Era un oficial de intelixencia que levaba adiante as sesións de tortura e dispuña os homicidios das súas vítimas. Gozou de impunidade con posterioridade aos crimes de lesa humanidade que cometeu a pesar de estar identificado no informe de CONADEP", prosegue a declaración da FAGRA.

Protesta da Federación de Asociacións Galegas de Arxentina
Protesta da Federación de Asociacións Galegas de Arxentina | Fonte: FAGRA

COMUNIDADE GALEGA

A Federación de Asociacións Galegas uniuse como querelante neste litixio no ano 2006 para representar a familiares de doce desaparecidos de orixe galega, entre os que se atopa Carlos Casariego de Bel, oriúndo de Lugo e desaparecido o 15 de xuño de 1977. Casariego de Bel foi asesor e alto funcionario do Ministerio de Economía durante a xestión de José Alfredo Martínez de Hoz (1976-1981). A denuncia inclúe tamén as desaparicións de Ernesto Fernández Vidal, Ramón García Ulloa, Dolores del Pilar Iglesias, Manuel Souto Leston, Urbano López Fernández, Manuel Gómez Aguirre, Jaime Lozano Neto, Inés Oleiros, Miguel Castiglioni Cornes, Alberto García López e Alicia D'Ambra Villares.

Con esta resolución, a Federación destaca que “logra un paso máis no seu reclamo de Memoria, Verdade e Xustiza" para os galegos, españois e as súas descendentes vítimas da ditadura. As organizacións de dereitos humanos estiman nun centenar de persoas o número de inmigrantes españois asasinados o terrorismo de Estado en Arxentina, así como multitude de descendentes que engrosan a listaxe de 30.000 opositores ao réxime que foron detidos, torturados e posteriormente desaparecidos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta