GC Aberto

Pasta

A palabra «pasta» que constitúe o título deste artigo non a emprego en sentido pecuniario, nin fai referencia ao pequeno doce que se toma co café ou o té. Tamén non amenta o famoso alimento de orixe italiana.

Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 11/01/2019

Comparte esta noticia

Comeza un novo ano e, como é tradicional, regalamos os nosos mellores desexos para esta imprevisíbel etapa. Desexos que adoitan ser de natureza persoal, tales como unha boa saúde, máis diñeiro, e que non falte o amor. Pero case sempre nos esquecemos de desexar cambios sociais, non necesariamente radicais nin esenciais, que beneficien a outros e a nós mesmos. A palabra «pasta» que constitúe o título deste artigo non a emprego en sentido pecuniario, nin fai referencia ao pequeno doce que se toma co café ou o té. Tamén non amenta o famoso alimento de orixe italiana, senón que con ela estou a aludir ao material xenérico co que se poden moldear diferentes obxectos.

Comida
Comida

De maneira habitual, a expresión «está feito doutra pasta» utilízase nos medios de comunicación para destacar a fortaleza e a enteireza daqueles deportistas que seguen competindo tras lesionarse, ou que se reincorporan á súa actividade antes de consolidarse o seu restablecemento, co consecuente prexuízo para o seu sistema muscular e osteoarticular a curto, medio e longo prazo. Así, non nos será difícil lembrar o nome de futbolistas que non abandonaron un partido a pesar de sufrir unha escordadura de nocello ou mesmo romper un ligamento cruzado do xeonllo, nin o de motoristas que volveron subirse á motocicleta ao día seguinte de ter sido operados dunha fractura de clavícula ou do pulso, nin o de ciclistas que se mantiveron en carreira incluso habéndose luxado un ombreiro nunha caída.

Estes atletas estarían feitos doutra pasta porque suponse que quen non sexa un profesional do deporte é incapaz de semellante sufrimento, inda que en realidade non sexa certo. Por desgraza, cada vez é máis frecuente atoparse a traballadores que vense compelidos a desempeñar a súa ocupación laboral padecendo unha enfermidade aguda que require repouso, ou sufrindo un traumatismo temporalmente incapacitante

Esta clase de actuacións resultan en todo punto inaceptábeis. Con todo; no primeiro exemplo, os xornalistas deportivos promoven devanditos abusos pois gaban, sen excepción, aos que aceptan este estado de cousas, sen manifestar a máis mínima crítica cara a quen obriga a asumir tal irresponsabilidade; polo xeral, os clubs aos que pertencen os deportistas, os adestradores que os adestran e as marcas que os patrocinan. A acción dos reporteiros se guía polo orgullo de seareiro ou o sentimento patriótico, e pola vontade de xerar no público a crenza na existencia de heroes que están moi por encima dos demais.

Porén; se reflexionamos con detemento saberemos que os verdadeiros heroes son aquelas persoas que posibilitan que un poida tomar o autobús ou o metro cada cinco ou dez minutos, que fan factíbel que cando pola noite deixamos o lixo no contedor xa non estea alí á mañá seguinte, que nos permiten que ao ir ao quiosco poidamos comprar os xornais do día, ou que ao pulsar o interruptor da luz acéndase a lámpada do salón da nosa casa.

O segundo exemplo é, se cabe, máis sanguento dada a exigua remuneración que perciben a xeneralidade dos asalariados en comparación cos deportistas de elite. Diso os máximos responsábeis son os sindicatos de traballadores, debido a que aínda que o que dá sentido á súa existencia é mellorar continuamente a lexislación laboral e facer que esta se aplique na súa integridade, son incapaces de conseguilo. ¿Por que?

Ante este escenario impropio dun Estado social e democrático de Dereito, así como dunha concepción evolucionada da saúde pública, o meu desexo para o ano 2019 é que esta masculinidade de idiotas e esta produtividade de escravos desaparezan da sociedade na que vivimos. E de todas nas que nunca viviremos.

Xabier Vila-Coia

www.vila-coia.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta