O BNG busca "liderar o cambio" nas vindeiras eleccións para "frear" o "declive" de Galicia

Ana Pontón insta a Feijóo a rectificar as súas "políticas de recortes" en Sanidade e pediu que o presidente da Xunta aclare se concide co líder de Vox na súa consideración sobre a violencia de xénero.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2019 | Actualizada ás 13:29

Comparte esta noticia

O BNG buscará "liderar o cambio" nas eleccións municipais e europeas que se celebran o 26 de maio para "frear" o "declive" no que se atopa Galicia como consecuencia de "30 anos" de gobernos do Partido Popular. A líder dos nacionalistas galegos, Ana Pontón, referiuse tamén aos problemas de Sanidade derivados das "políticas privatizadoras" da Xunta e instou a Feijóo a aclarar se está de acordo con Vox no que respecta á violencia de xénero.

A líder do BNG, Ana Pontón, ofrece un almorzo informativo na Cámara
A líder do BNG, Ana Pontón, ofrece un almorzo informativo na Cámara | Fonte: Europa Press

Así o destacou este luns Ana Pontón durante un almorzo informativo ofrecido no Parlamento de Galicia, no que asegurou que o Bloque encara os comicios de maio "con moita decisión" e "convencido" de que supoñen o "primeiro paso para o cambio político" que necesita Galicia. "Entendemos que non podemos seguir soportando as consecuencias da falta de ambición política do Goberno de Feijóo, que leva unha década deteriorando o país e facéndonos perder posicións", manifestou Ana Pontón no encontro coa prensa.

Tras censurar os resultados da "falta de proxecto político de futuro" de Feijóo e das súas "políticas recentralizadoras", Pontón denunciou que a Comunidade galega sofre as "peaxes máis caras" de Europa, carece dunha tarifa eléctrica galega e ten "un sistema de financiamento inxusto" que fai perder "3.500 millóns de euros ao ano". "Non imos parar ata que a AP-9 sexa galega e ata pór fin á estafa de peaxes que nos impoñen con total descaro os gobernos do PSOE e do PP", advertiu Pontón.

Así mesmo, incidiu no "drama demográfico" de Galicia que, na súa opinión, "constata o fracaso das políticas natalistas" do presidente autonómico. "O declive non sería o mesmo se non emigrasen centos de persoas na última década", advertiu.

Para cambiar esta situación, destacou que o BNG "ten todas as ferramentas", é unha "organización cohesionada e ten un proxecto político solvente". Ademais, puxo en valor que a súa formación xa teña "moi avanzado" o proceso de designación dos seus candidatos municipais e pechada a candidatura con ERC e Bildu para as europeas.

"DISCRIMINACIÓN" DE GALICIA

A xefa de filas do Bloque tamén lamentou que Galicia permaneza "discriminada" tanto cos gobernos do PP no Estado como cos do PSOE e, fronte a iso, avanzou algunhas das prioridades dos nacionalistas galegos para o inicio do ano. Así, en primeiro lugar, urxiu impedir o peche de Alcoa e garantir a continuidade da produción de aluminio en Galicia. "O Goberno non pode permitir que continúe o ERE extintivo e, se é necesario, debe facer unha intervención inmediata a través da SEPI", apuntou.

Neste sentido, tamén considerou necesario un "cambio enerxético", a través dunha tarifa eléctrica galega, que dea estabilidade ás industrias electrointensivas e beneficie a Galicia como produtora.

Así mesmo, na súa intervención Pontón instou a Feijóo a "pór en marcha" medidas para frear a "escalada" dos prezos do gas, a auga ou os billetes de tren nun contexto no que "os salarios non soben na mesma medida".  Ademais, urxiu unha mellora dos servizos ferroviarios na Comunidade galega e avanzou que o BNG presentará propostas para que se modernice toda a vía interior", o FEVE, e que se acabe co atraco dos prezos do Avant".

SANIDADE

Por outra banda, asegurou que outra das prioridades do BNG neste arranque do ano será a sanidade pública e volveu a instar o presidente da Xunta a "rectificar" a súa política de "privatizacións e recortes". E é que, segundo apuntou, "o PP equivócase" se cre que o problema se vai a solucionar "acelerando e pechando unha comisión de investigación autoexculpatoria". "Teñen en pé de guerra á cidadanía, aos profesionais, que están cansados de soportar recortes e privatizacións", apuntou.

VIOLENCIA DE XÉNERO

Na súa comparencencia, Ana Pontón tamén instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a aclarar "se coincide" co líder de Vox, Santiago Abascal, en que "non existe a violencia de xénero" despois de que o PP se mostrase aberto a "mellorar" no Congreso a lei sobre esta materia.

"Non podemos encartarnos a ese vello e rancio machismo que agora está instalado na dereita", incidiu Ana Pontón, que pediu "máis recursos" contra esta secuela para "non dar nin un paso atrás". Recordou que se hai algún recurso é grazas á existencia da Lei de violencia de xénero

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta