Pisos de estudantes, a eterna busca do mellor lugar

Compartir piso durante os anos universitario formaba parte das estratexias para economizar gastos. Era tamén unha maneira de, pouco a pouco, iniciarse na independencia con respecto da familia. Non obstante, nos últimos tempos, coa crise e outros factores, os prezos de aluguer acabaron subindo. Hoxe en día dar cuns prezos económicos parece ser unha tarefa moi difícil.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os últimos días do curso é cando os e as estudantes van á procura dun cuarto ou dun piso para compartir en grupo. A tarefa de atopar piso non é nada cómoda, porque realmente as mesualidades e as fianzas que hai que depositar aumentaron nos últimos anos, ademais dunha práctica que, se xa existía previamente era case anecdótica, ter unha persoa avalista no contrato de aluguer. O obxecto disto é que os propietarios non queren verse na situación de non veren compensados posibles danos no piso.

Edificios de vivendas
Edificios de vivendas

Actualmente as vivendas en aluguer para estudantes parecen un ben escaso. Algúns estudantes preguntados por Galicia Confidencial, ven que a idea de “compartir piso” está agora máis extendida fóra do ámbito do estudantado. “Vemos que hai persoas con traballos, coas súas nóminas que aínda así comparten piso por saírlles máis económico” di Laura, unha estudante de máster.

A BUSCA

A tradicional busca de cuarto ou piso para residir durante o curso comeza coa consulta en páxinas web, aínda que tamén quedan os anuncios en papel, carteis, etc., colocados nos campus universitarios, centros comerciais, etc. Logo de ler o anuncio, a procura do lugar idóneo é un roteiro por diversos espazos, cada un coas súas vantaxes e desvantaxes. “Vimos pisos que estaban en zonas moi ben situadas para nós, pero parecía que por alí non se arranxaba nada desde había moitos anos” di Luis, estudante. “A ver, nun caso concreto, hai tempo, vin un lugar que era, literalmente, catro colchóns sobre catro somieres e logo un quentador de gas” recorda Luis entre risos.

O certo é que o parque da vivenda en aluguer para este nicho de mercado, ás veces, pode presentar algún tipo de deficiencia. Desde a falta de actualización ou rehabilitación nalgúns aspectos esenciais, como electrodomésticos ou calefacción en mal estado, pasando por mobiliario con moitos anos e que non se renovou. Aínda así, os prezos económicos de lugares que non terían todas as comodidades, son un dos motivos máis importantes para coller un sitio así.

A busca pode ser complicada, sobre todo co aumento de prezos, é por iso que a recomendación está en comezar os percorridos cando antes mellor. Sobre todo antes de finalizar o curso, cando aínda é posible, ata certo punto, coller un lugar por un prezo medianamente asequible.

PREZOS

O Observatorio de Vivienda y Suelo do Ministerio de Fomento, inclúe entre os concellos de máis de cen mil habitantes con alugueres por riba dos 350€ por mes, a Vigo, A Coruña e Ourense. O caso é que, segundo recentes estudos deste Observatorio, a cidade máis cara para que os estudantes aluguen é Vigo, chegando en casos a sobrepasar os 500€ segundo fontes inmobiliarias consultadas por Galicia Confidencial. E a cidade con prezos máis baratos para estudantes en Galicia? Segundo os mesmo datos do Obervatorio de Vivienda y Suelo, Ferrol sería o lugar onde lle podería saír máis económico o aluguer aos estudantes.  Con todo, os prezos en Galicia parecen ser dos máis asequibles dentro do mercado español.

“Actualmente o prezo do noso piso, sen gastos, é de máis de 500€ a fin de mes, non é un prezo moi elevado se o comparo co que pagan coñecidos meus na mesma zona onde vivo” di Carmen, estudante de mestrado. Pero os prezos poden subir, como é que está pasando. “A uns compañeiros meus que teñen o mesmo piso desde a carreira, subíronlles de 350 a 450i€ e iso é unha suba pequena, a nós quixéronolo subir, pero negociamos co propietario unhas novas condicións que aceptou logo de moito falar con el” volve explicar Carmen, que sorrí cando o conta.

REPARACIÓNS, RECLAMACIÓNS E AXUDAS

“O que non quero é pasar frío nin soportar humidade como me pasou nun no que estiven dous anos” di Luis, “porque era un lugar onde ía máis frío dentro que fóra”. A cuestión das humidades e da falta de calor durante o inverno, son cuestións que aínda a día de hoxe non se solventaron en espazos alugados ao estudantado. “A calefacción non é obrigatoria, iso depende do que busque cada quen, pero non é obrigatoria” responde Dolores Chapela de Ucgal. 

Os alugueres a estudantes son propensos ás reclamacións? “Pois o certo é que si, cando finaliza o período de contrato hai problemas coa devolución da fianza” di Dolores Chapela, que matiza “non son reclamacións que se diferencien moito das xerais”, e ademais sinala “como son xente nova, teñen máis consultas sobre os contratos, os dereitos que teñen ou veñen aconsellados polos pais”. En tal caso, o novo decreto sobre vivenda, aprobado recentemente polo Goberno central, garante unha serie de puntos que se deberan consultar antes de pasar a alugar un espazo para vivir. 

As dúbidas tamén xurden cando algún elemento do mobiliario acaba rompendo por algún motivo. “Se é por deterioro causado polo inquilino, ten que asumir a reparación, para iso están as fianzas” di Chapela. Ocugal aconsella tirar fotografías do piso para saber en que condicións está no momento de alugar e como queda no momento de deixalo. Non obstante, as reparacións feitas para habitabilidade, como pintar por causa da humidade, de deterioro dos elementos como cociñas, neveiras ou lavadoras, que xa non van ben é cousa do dono. O inquilino tería que pagar as modificacións que el realice para sentirse máis cómodo.

Poden subirnos o aluguer se se fan reparacións dentro do piso? “Poden realizarse pactos para iso, aí dependerá do acordado entre as partes, pero se é para a mellora dunha vivenda pode acordarse a suba do aluguer, pero se é reparar ou garantir a salubridade e habitabilidade da vivenda, entón é o propietario” responde Dolores Chapela.

Os estudantes terían dereitos para pedir axudas para o aluguer? “Entendo que as xerais, que son poucas, e ademais, ás veces os estudantes non as solicitan porque para algunhas hai que estar empadroados”. Aínda así, existen planos como o Plan Estatal de Vivienda, no que parcipa a Xunta, e Plan Xeral de Vivenda

En tal caso, a existencia de axudas para o aluguer sempre poden presentar puntos polos que un ou unha estudante podería solicitalas. Para iso é necesario unha lectura moi atenta ás condicións, así como as vantaxes ou desvantaxes de empadroarse no concello onde se vai estudar. Tamén é necesario facer un inventario fotográfico do estado do piso antes de entrar para evitar sorpresas coa fianza e, sobre todo, as reparacións e cambios que podan supor unha suba no aluguer, poderían pactarse co propietario ou propietaria. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Hai outros que nin siquera poden durmir ao quente estas noites de xeada !!! Se queredes coñecelos que non volo conten nos medios subvencionados, podes ler a situación do Albergue Municipal de Vigo de primeira man, por unha especialista no tema! ¿Por que seguimos agochando a pobreza? https://www.noticiasvigo.es/opinion...