A polémica polo machismo de VOX chega á alta cociña galega

Afíns a esta formación de ultradereita insultan en Internet ao cociñeiro Pepe Solla por criticar as posturas machistas.

Por Galicia Confidencial | Poio | 07/01/2019 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

O chef galego Pepe Solla, posuidor dunha Estrela Michelin polo seu restaurante en Poio (Pontevedra), recibiu insultos a través de internet tras situarse publicamente contra o machismo e a postura que VOX mantén sobre a violencia de xénero.

Cartel de Pepe Solla en contra da Violencia Machista e de Vox
Cartel de Pepe Solla en contra da Violencia Machista e de Vox

Solla compartiu nas súas redes sociais un cartel no que reflectía que o seu restaurante era un espazo "libre de violencia de xénero", engadindo de maneira manuscrita "e de VOX".

Tras a súa publicación, o cociñeiro comezou a recibir insultos e malas críticas sobre o seu restaurante a través da plataforma Tripadvisor, onde recibiu numerosos comentarios nos que se cuestionaba a súa profesionalidade.

En declaracións a Efe, o chef pontevedrés asegura que "nunca quixen polemizar" sobre esta cuestión porque "non é o meu estilo", pero defende que quería mostrar unha posición "moi clara" en contra da violencia machista e que debía denunciar "certas cousas que están a pasar". Entende que, ademais de cociñeiro, "son un cidadán que vive en sociedade", polo que "igual que teño dereito a votar tamén o teño para expresar a miña opinión".

POSTURAS MACHISTAS

No caso da violencia machista, Solla subliña que aceptar as teses de VOX suporía "dar un paso atrás" e acabar con acordos "consensuados por todos", polo que avanza que seguirá situándose en contra da violencia de xénero e de todos aqueles que "tratan de botar por terra" leis que son "básicas" para a convivencia.

Pepe Solla engade que a pesar das descualificacións "non me arrepinto" e afirma que "son consciente do que dixen e do que fixen", polo que "asumo as consecuencias" que poida ter para o seu restaurante que, en todo caso, entende que "non serán moitas".

"Cada un é libre de entrar no bar que queiran ou de ir ao espectáculo musical que desexen", explica Solla, que asegura que as mostras de apoio que recibiu "son moitas máis" que os comentarios negativos.

Desde Tripadvisor, unha plataforma que recolle opinións sobre servizos do sector turístico e hostaleiro de todo o mundo, trasladáronlle ao chef galego que retirarán as críticas publicadas porque "non teñen nada que ver" coa súa actividade profesional. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta