A central de carbón das Pontes, a mellor da súa tecnoloxía segundo Endesa

Os Premios BYEM, organizados pola compañía eléctrica, recoñeceron as propostas de adaptación aos requisitos ambientais e aqueloutras relacionadas con melloras na seguridade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2019 | Actualizada ás 11:50

Comparte esta noticia

A central de carbón das Pontes foi recoñecida como a mellor entre as do seu combustible no marco dos Premios BYEM, organizados por Endesa para que os empregados propoñan melloras das instalacións nas que traballan.

Central térmica das Pontes
Central térmica das Pontes | Fonte: Pepe do Couto en Wikipedia.

Ademais, as tres centrais térmicas de carbón e de ciclo combinado gañaron tres dos galardóns concedidos pola compañía do sector da enerxía. Nos Premios BYEM ('Busca y encuentra mejoras') compite cada ano o persoal de vinte e cinco centrais térmicas que Endesa opera na Península Ibérica, co obxectivo de que se favorezan procesos de "mellora permanente e que o propio equipo das instalacións suxira medidas para optimizar o funcionamento das mesmas".

A central térmica de carbón, representada por José Antonio Velo, foi así a elixida como a mellor central BYEM de Carbón polo proceso de adaptación aos requisitos ambientais da Directiva de Emisións Industriais e da normativa europea Bref.

As obras concluirán en 2020, logo dun investimento superior aos 200 millóns de euros, cunha "notable mellora da eficiencia na emisión de gases de efecto invernadoiro", segundo destaca Endesa.

A mesma planta foi premiada na categoría de Medio Ambiente - Carbón por unha proposta de optimización do consumo de auga de refrixeración das ramplas do cinceiro. Esta mellora foi iniciativa do técnico José María Antelo e a súa idea, cun investimento de 80.000 euros, permite un aforro anual de 175.000 euros.

O Premio de Seguridade de Centrais de Gas correspondeu á central de ciclo combinado das Pontes por unha suxestión de Javier Bañobre, que achegou un método máis rápido, preciso e seguro para facer a manobra de virado do rotor da turbina de gas, tras un investimento de só 6.000 euros.

AS PONTES: MOITAS PROPOSTAS

Endesa sostén que esta mellora pode ser completamente extrapolable á gran maioría das centrais térmicas do grupo. A central de ciclo combinado pontesa recibiu recoñecementos en tres das últimas catro edicións dos Premios BYEM.

Nesta edición presentáronse a estes Premios 233 propostas, das que 68 xa se atopan implementadas, outras 37 están en curso e 100 en estudo.

Segundo indica a compañía, das centrais de carbón, a das Pontes foi a que máis propostas expuxo, ata un total de 40, máis 7 presentadas polas de ciclo combinado, situándose por encima da media das plantas da súa tecnoloxía, co que das Pontes saíron un total de 47.

A totalidade das propostas supón un aforro anual de 12,8 millóns de euros, cun investimento de 5 millóns de euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta