Galicia subvenciona ata o 50% dos investimentos de pemes para transformación sostible de produtos do mar

A Consellería do Mar destina preto de 15 millóns de euros á convocatoria de axudas de 2019 e 9 millóns para 2020.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2019 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

A Consellería do Mar destina preto de 15 millóns de euros á convocatoria de axudas de 2019 para investimentos en pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura. Deles, 5,7 millóns son para a anualidade 2019 e a cantidade restante, 9 millóns, para 2020. A través destas achegas, apóiase ata o 50% dos investimentos que fagan as pemes que fomenten a sustentabilidade ambiental.

Produtos do mar.
Produtos do mar.

Así o sinala o informe sobre esta convocatoria de axudas que avaliou este xoves o Consello da Xunta e que tamén reflicte que son obxecto destas achegas os proxectos que contribúan a aforrar enerxía ou a reducir o impacto no medio ambiente, que melloren a seguridade, a hixiene, a saúde e as condicións de traballo e que axuden á transformación das capturas do peixe comercial que non se poida destinar ao consumo humano.

Ademais, son obxecto de subvención aquelas actuacións relacionadas coa transformación de produtos de acuicultura ecolóxica, así como as que dean lugar a "novos e mellores produtos, procesos e sistemas de xestión e organización", entre outras.

As persoas interesadas en acceder a estas axudas poden consultar os requisitos e a documentación necesaria na orde publicada no Diario Oficial de Galicia, onde se especifica o prazo de presentación de solicitudes, que termina o próximo 28 de xaneiro.

Das convocatorias de 2016, 2017 e 2018 desta orde de axudas beneficiáronse preto de 130 pemes de transformación de produtos do mar, por valor de máis de 30,7 millóns de euros. A través delas, subvencionáronse, entre outros proxectos, algúns relacionados coa posta en marcha de industria de procesamiento de peixe, con equipamentos para a mellora de procesos de transformación, coa innovación no ámbito de novos e mellores procesos e coa mellora no tratamento de residuos e o aforro enerxético.

AXUDAS PARA BUQUES

Por outra banda, o Consello da Xunta analizou este xoves un informe sobre a convocatoria de 2019 de axudas a propietarios de buques pesqueiros galegos para investimentos que fomenten a pesca sostible. A estas, a Xunta destina algo máis dun millón de euros.

Poderán beneficiarse destas subvencións os propietarios de buques pesqueiros con porto basee en Galicia, e orientaranse a investimentos para limitar o impacto da pesca no medio mariño e para protexer as especies. Tamén se poderán subvencionar actuacións que melloren as condicións de traballo, hixiene e seguridade dos buques e aquelas relacionadas coa eficiencia enerxética e a mitigación do cambio climático.

Outros investimentos que poderán subvencionarse son aquelas que aumenten o valor engadido, a calidade dos produtos ou a utilización de capturas non desexadas, así como os servizos de asesoramento para fomentar a pesca sostible.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta