As Pontes terá unha sede permanente da Universidade da Coruña

O alcalde, Valentín González Formoso, e o recto da UDC, Xullo Abalde, asinaron o acordo este xoves.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2019 | Actualizada ás 17:43

Comparte esta noticia

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso (PSOE), cualificou de "fito histórico" o que este municipio albergue unha sede permanente da Universidade da Coruña (UDC), co obxectivo de que o municipio "sexa capaz de sacar a cabeza nun mundo cada vez máis tecnolóxico, onde o apetito científico debe formar parte do vocabulario diario e no que concellos, tan industriais como As Pontes, con vocación de diversificar o seu tecido produtivo, poidan ter o seu papel".

Asina acordo para sede permanente da UDC nas Pontes.
Asina acordo para sede permanente da UDC nas Pontes. | Fonte: Europa Press

No transcurso do acto no que se subscribiu o acordo, destacou que "a Universidade da Coruña ten un rol vital" que contribuirá ás Pontes a "ser unha referencia, apostando pola formación vinculada á sustentabilidade".

Así o manifestou no salón de plenos do Concello das Pontes, tras asinar co reitor da universidade un convenio de colaboración académica, científica e cultural, que suporá a implantación, de xeito permanente, da institución universitaria no municipio.

Pola súa banda, Xullo Abalde, reitor da UDC, destacou que para a institución que el representa este acordo "é tamén un fito importante, xa que supón a saída" da súa área xeográfica, A Coruña e Ferrol, para instalarse nas Pontes e "achegar as actividades, de formación e información, universitaria, aos veciños de todas as idades".

UNIVERSIDADE SÉNIOR

Este acordo entre ambas as institucións ten como obxectivo facilitar o acceso aos residentes das Pontes á formación académica regulada e non regulada impartida pola UDC, promover actividades de investigación, divulgación e transferencia científica e actividades de extensión universitaria nos ámbitos cultural e deportivo, así como calquera outra iniciativa orientada a espertar nos máis novos as vocacións tecnolóxicas científicas.

Os representantes de ambas as institucións incidiron en que se trata da única aula de extensión universitaria da comarca de Ferrolterra e a segunda da provincia da Coruña, destacando que se trata dunha "gran aposta" que permitirá "ler o futuro do ámbito enerxético, como socios colaboradores, coa mirada posta nas novas xeracións, para que se vinculen profesionalmente a sectores que se poidan establecer na comarca e contribuír a fixar poboación".

A primeira colaboración entre a UDC e o Concello das Pontes chegará da man do Vicerreitorado de Oferta Académica e Innovación Docente e a Universidade Sénior e do proxecto "Compartir experiencias e coñecemento", dirixido a persoas maiores de 50 anos.

Trátase dun ciclo formativo, que se desenvolverá entre os meses de xaneiro e abril, dividido en tres módulos centrados en aspectos relacionados coa eficiencia enerxética e a sustentabilidade social e económica, dentro de ámbitos como a historia, a sociedade, a bioloxía ou a educación, e a promoción de hábitos saudables, a prevención de riscos, a nutrición e a actividade física.

Cada seminario incluirá tres sesións teóricas, impartidas por profesores da UDC, e unha sesión práctica que incluirá visitas a diferentes espazos de interese, talles como Sargadelos ou o Lago das Pontes, e unha clase práctica para aprender a controlar a tensión.

As persoas interesadas neste curso, que comezará o próximo 23 de xaneiro, xa poden formalizar, ata o 20 de xaneiro, a matricula a través da páxina web da UDC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta