Persecución contra as pintadas e grafitis en edificios históricos

A futura Lei de Rehabilitación e de Rexeneración e Renovación Urbanas de Galicia establece fortes sancións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2019 | Actualizada ás 18:59

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este xoves a aprobación por parte do Consello, para a súa remisión ao Parlamento, da futura Lei de Rehabilitación e de Rexeneración e Renovación Urbanas de Galicia, que, entre outras cuestións, establecerá, por primeira vez, un réxime sancionador específico para loitar contra as pintadas e os grafitis nas edificacións históricas e nos ámbitos protexidos.

Pintadas e graffitis na Coruña
Pintadas e graffitis na Coruña | Fonte: Google Maps-Ser

A nova norma busca facilitar a rehabilitación e recuperación de centros históricos e núcleos rurais, así como protexer as edificacións históricas, baixo a premisa, dixo Feijóo, de "priorizar a rehabilitación fronte a novas construcións". Para iso, a lei incidirá en dous ámbitos de actuación, a rehabilitación de edificios e a rexeneración urbana, referida a actuacións que afectan tanto a edificios como a tecidos urbanos.

O novo modelo axilizará a tramitación para a recuperación de centros históricos e núcleos rurais, porque "non hai maior desprotección que o abandono do patrimonio construído", dixo Feijóo, tras o que confirmou que simplificarán tamén os trámites de intervención nas vivendas situadas nos camiños de Santiago.

O texto ampliará os supostos de concesión de licenzas directas por parte dos concellos, sen necesidade de contar con autorización previa da Administración autonómica, para traballos como o cambio de cuberta ou actuacións en carpinterías exteriores, fachadas ou interior de edificios de núcleos con algún tipo de protección, sempre que non afecten a valores protexidos.

Para o seu correcto funcionamento, Feijóo destacou que a lei estará dotada de varias ferramentas, como un centro para tramitar e coordinar as actuacións de rehabilitación ou un fondo Rexurbe, que financiará os proxectos de rehabilitación integral.

Naqueles casos concretos de edificios ou conxuntos de edificios nos que sexa necesario ou recomendable proceder a unha intervención inmediata, abrirase a posibilidade de declarar a utilidade pública e a urxente ocupación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta