Vexetarianismo, saúde e ecoloxía, poden convivir?

O aumento nos índices de sobre peso e obesidade están facendo cambiar o réxime alimenticio dalgunhas persoas. Entre os cambios operados na sociedade están as dietas vexetarianas e veganas. Aínda ben, non só o estilo de vida e alimenticio acutais están detrás da decisión de optar por unha dieta sen carne ou con baixos índices da mesma.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A idea de optar por dietas sen ou baixas en carne é tan antiga como a mesma humanidade. A cuestión é que nos tempos que corren, algúns colectivos e individuos decidiron pasarse á dieta vexetariana ou á máis contudente vegana. Os argumentos que expoñen son, entre outros, a volta a unha alimentación máis sá, a limpeza do organismo, eliminar da dieta azúcares, graxas e químicos que aparecen nos alimentos que consumimos diariamente. Todo para que o organismo humano non estea alterado por produtos químicos.

Pementos, berenjenas, verdura, hortalizas, supermercado, consumo, IPC
Pementos, berenjenas, verdura, hortalizas, supermercado, consumo, IPC

Ademais do anterior, as razóns para ser vexetariano ou vegano foron aumentando co paso do tempo. Se houbo en primeiras fases ideas de tipo relixioso, logo foron as de tipo moral, sobre todo a do maltrato animal. Hoxe en día, esta úlima posición baséase na sobreexplotación da gandeiría intensiva, ademais de razóns éticas sobre como se trata os animais destinados para o consumo humano.

VEXETARIANISMO E VEGANISMO

O vexetarianismo propón non consumir carne de ningunha especie, incluíndo o peixe. Dentro desta mesma postura, están aquelas que apostan por non retirar completamente alimentos de orixe animal. Dentro desta postura estarían os ovolácteos, ovovexetarianos e outras denominacións. Non obstante, a postura do vexetarianismo non ten por que implicar só unha visión “ideolóxica” ou relixiosa. Existe tamén quen ve o vexetarianismo como unha opción dietética, nada máis. Así, a adopción de dietas moi baixas en carnes e derivados, podería ser unha maneira de reducir elementos que favorezan o aumento de risco de padecer diabete, arterioesclerose. Isto acompañado da eliminación de produtos excesivamente procesados.

O veganismo renuncia a todo canto teña que ver co consumo animal, desde a carne ata os produtos de coiro para vestir. Tamén hai posturas cuxos postulados en parte, só en parte, coincidirían coa dieta vegana e o posicionamento que leva parello, a non utilización dos animais. Unha posición próxima sería a do animalismo.  “O ecoloxismo cando mira o animal, aposta máis polo seu benestar, unha crianza nun entorno favorable para o seu desenvolvemento e tamén atendendo ás condicións de morte dos animais” din desde a asociación Verdegaia.

Cadro alegórico ao vexetarianismo dos pitagóricos /Peter Paul Rubens / Wikipedia
Cadro alegórico ao vexetarianismo dos pitagóricos /Peter Paul Rubens / Wikipedia

“O ideario ecoloxista e animalista comparten unha visión contraria ao actual sistema de explotación agrario e gandeiro” apuntan en Verdegaia. É dicir, estarían de acordo en denunciar a agricultura e gandeiría intensivas industriais que non atenden ao benestar animal, así como que entra nunha dinámica de produción que, finalmente, non permite un asentamento de poboación rural, pois as explotacións máis pequenas non poderían competir con xigantes da alimentación. “Aínda que a Unión Europea ten ditado normas contra o maltrato animal, a dinámica industrial da gandeiría vai unida ao maltrato”. “Desde o ecoloxismo non somos inxénuos, o rural debe transformarse, pero que ao mesmo tempo permita a fixación de poboación e que se poda vivir del” din desde Verdegaia.

O veganismo tamén é relacionado, ou introduce ás veces, o ideario antiespecista, deixar de ver o ser humano como o ser superior a todas as demais especies que viven no planeta. “Desde o punto de vista ecoloxista valórase a conservación de especies dunha maneira axeitada, para poder fixar poboación no rural, máis o antiespecismo podería falar de que primaría máis a non explotación de ningunha maneira dun animal  por moi ben que viva” din fontes ecoloxistas. Sería o non sufrimento do animal e outorgándolle, segundo quen ou que visión, tantos dereitos como o ser humano.

“Para nós as posturas veganistas, animalistas e vexetarianistas estarían dentro do ámbito máis persoal, aí Adega non entra” di Fins Eirexas de ADEGA. “Da mesma maneira que podemos criticar determinadas prácticas gandeiras en relación ao maltrato animal, tamén podemos dicir o mesmo de determinadas prácticas de cultivo deixan moito que desexar” sinala Eirexas.

VANTAXES E DESVANTAXES

“No meu caso son vexetariano porque os meus pais xa o eran antes de nacer eu, así que son das persoas de maior idade que son vexetarianos desde que naceron” conta Xan, quen se define así mesmo como vexetariano ovolácteo. Os motivos polos que seus pais optaron por unha dieta sen carne e produtos cárnicos foi porque “se circunscribía a unha corrente de pensamento alternativo, vinculada ao ecoloxismo e certa idea de que era posible outra maneira de alimentarse” pero non só “para evitar o sacrificio de animais senón tamén por cuestións de consumo de proximidade, pegada ecolóxica”.

A vida como vexetariano non lle trouxo moitas dificultades, “era curioso para a xente que me arrodeaba, pero non me supuña un problema”. Xan remarca que “tamén é certo que non comía en comedores escolares, porque non había onde eu ía á escola e cando era pequeño a dieta estaba moi controlada polos meus pais, que se documentaran abondo”. O cambio veu cando deixou o fogar paterno. “Tiña que controlar a dieta, pero hoxe en día hai maior oferta, tanto a nivel de restauración como dentro das ofertas do mercado”. Sobre a asequibilidade dos produtos vexetarianos, Xan di que “ao haber máis oferta, os prezos son asequibles e tanto en herboristería como nas grandes superficies podes ver produtos a bo prezo”.

Mais a Asociación Americana de Dietética emitiu en 2012 un documento no que dicía: “É a postura da Asociación Americana de Dietética que as dietas vegetarianas adecuadamente planifi cadas, incluídas as dietas totalmente vegetarianas ou veganas, son saudables e nutricionalmente adecuadas e poden proporcionar benefi cios para a saúde na prevención e no tratamento de certas enfermidades”.

María López, nutricionista en Salceda, onde atende problemas de sobrepreso, ten claro que “as dietas veganas e vexetarianas son beneficiosas a longo prazo para a saúde”. Non obstante, cando se lle pregunta sobre as supostas deficiencias de Ferro e proteína dos vexetarianos, López contesta que “os mitos máis grandes destas dietas son dous, a anemia ferropénica e a falta de proteína”. “Realmente son mitos porque a prevalencia en persoas vexetarianas e as que comen de todo é a mesma, pero no caso de anemia habería que tratala da mesma forma nunha persoa que noutra, medicamente”.

O que non é un mito apunta López é “a falta de B12 é grave, hai que suplementala, porque a falta desta vitamina produce deterioro do sistema nervioso central e anemia megaloblástica que afecta ao sangue”. A problemática destas dietas é que “asócianas moitas veces con medicinas alternativas e práticas relixiosas determinadas, o que fai que xente vexetariana non tome suplementos, elementos que están feitos a base de elementos vexetais, aínda que a B12 está no peixe e na carne”.

A conclusión é que as dietas vexetarianas e veganas poden formar parte dunha actitude máis persoal que completamente social,  fronte algúns modos de vida considerados pouco saudables. Das dúas visións nacen tendencias para combater o maltrato animal coa renuncia absoluta a consumir produtos animais, ou aquela que acepta o consumo de animais sempre que se faga dunha maneira ética, sostible e que permita o desenvolvemento e fixación de poboación rural. 

Uso do glifosato nos cultivos
Uso do glifosato nos cultivos | Fonte: Greenpeace
Cultivo de pataca
Cultivo de pataca | Fonte: campogalego.com.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta