Instan o Goberno a asumir a xestión das plantas de Alcoa para que a empresa non "se saia coa súa"

O comité de empresa da fábrica coruñesa pide a intervención do Goberno para evitar un "peche automático". O BNG pedirá a comparecencia nun pleno de Feijóo, ao que esixe "saír do seu silencio"

Por E.P. | A CORUÑA | 11/01/2019 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

O presidente do comité de empresa de Alcoa na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, instou ao Goberno a non deixar que Alcoa "se saia coa súa" e a asumir a xestión desta fábrica e a de Avilés (Asturias) para evitar un "peche automático"

Rolda de prensa de traballadores de Alcoa con membros do BNG.. BNG
Rolda de prensa de traballadores de Alcoa con membros do BNG.. BNG | Fonte: Europa Press

Así se referiu á última proposta da empresa, que supón o despedimento de dous terzos do persoal de ambas plantas -con 269 e 317 empregados, respectivamente, para ambas as plantas -con 369 e 317 empregados, respectivamente- a partir do día 15.

Tamén se propón apagar as cubas de electrolise, aínda que de forma ordenada, por se xorde un investidor en seis meses. Apostan por manter só a actividade da fundición nese tempo. Os despedimentos do persoal faríanse definitivos a finais de xuño se non hai un investidor.

En rolda de prensa, tras unha reunión coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, a nacionalista Goretti Sanmartín -entre outros representantes desta formación-, Corbacho trasladou a "indignación" por parte dos traballadores tras esta proposta, exposta nunha reunión "tensa" este xoves coa empresa.

Esta "indignación" púxoa de manifesto tanto pola postura da multinacional como por parte das administracións. En particular, reprochoulle ao Goberno que manteña unha "interlocución mínima" cos traballadores e que nos lles comunicase as intencións da multinacional.

"Acábanos de botar contra os leóns, xunto coa Xunta e o Principado de Asturias", dixo ao apuntar a que desde estas administracións coñecíase esta proposta tras a reunión mantida o martes coa empresa.

ESIXEN SOLUCIÓNS

"Cansados" de apoios políticos e de que "non se traduzan en solucións", criticou tamén que os traballadores non sexan recibidos nin polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nin polo conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde.

"Sería un rídiculo mundial como país se Alcoa se sae coa súa", insistiu tamén ás administracións, apelando a que se asuma xestión das fábricas por parte do Goberno. Sobre esta opción, dixo que se trata dunha posibilidade que a multinacional norteamericana se mostrou disposta a "estudar". Por iso, reclamou ao Executivo central "que se pronuncie" e insistiu en que, unha vez asumida esta xestión, serían os comités de empresa de ambas as fábricas, xunto coa Administración central, a Xunta e o Principado de Asturias as que buscarían un investidor.

"Alcoa non é o mellor comercial", recalcou, acusándoa de presentar aos traballadores un "peche automático" a pesar dos prazos dados ata que os despedimentos se fagan definitivos.

Así, advertiulles á empresa e ás administracións que os traballadores -que convocaron mobilización este sábado en Avilés e o domingo na Coruña- "van botar o resto". "Imos loitar", dixo Corbacho arroupado por outros compañeiros que, ao berro de 'Alcoa non se pecha', expresaron o seu rexeitamento á proposta empresarial.

FEIJÓO, "SAíR DO SEU SILENCIO"

Do mesmo xeito que fixo o presidente do comité de empresa da Coruña, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, realizou un chamamento á participación na mobilización deste domingo. "Hai que alagar á Coruña en defensa do mantemento do emprego", insistiu.

Mentres, instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "a saír do seu silencio". "As administracións non estiveron á altura e os gobernos non teñen que servir de coartada para abaratar o despedimento", recalcou.

Ademais, anunciou que o seu grupo solicitará a comparecencia nun pleno extraordinario de Feijóo para abordar esta cuestión coa intención de que se celebre a próxima semana. "Estamos en tempo de desconto", advertiu ao Executivo galego, cuxo papel para defender "un sector estratéxico" cuestionou Pontón.

Acerca da proposta empresarial, tamén comentou que busca facer pasar por "bobos" aos galegos. "É unha navallada nas costas", insistiu Pontón, quen instou á Xunta e ao Goberno a "traballar para darlle a volta á situación" e evitar o peche.

Na mesma liña, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, coincidiu en que se trata dun "momento límite" e instou á cidadanía a mobilizarse "en defensa" dos postos de traballo, pero tamén dun sector "estratéxico".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta