Piden 9 anos de prisión para un home por abusar dunha discapacitada á que convencía con caramelos e diñeiro

Levábaa a zonas escondidas nas que abusaba dela.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2019 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

O Ministerio Fiscal solicita nove anos de prisión para un home acusado de convencer, con diñeiro ou carambelos a unha persoa con discapacidade psíquica e física, para que o acompañase a zonas escondidas nas que supostamente abusaba dela.

Audiencia Provincial de Pontevedra.
Audiencia Provincial de Pontevedra.

A Audiencia Provincial de Pontevedra celebrará o martes, día 15, o xuízo contra o acusado, un home maior de idade e sen antecedentes penais, con domicilio no partido xudicial de Marín.

Segundo o escrito de Fiscalía, o home coñecía a "limitación das facultades psíquicas e o descoñecemento da significación das relacións sexuais" por parte doutra persoa residente na mesma localidade, maior de idade e que sofre unha discapacidade mental moderada e un grao de incapacidade do 70%.

Polo menos durante os anos 2015 e 2016, en "número indeterminado pero elevado de veces, con ánimo de satisfacer os seus impulsos sexuais", buscaba á vítima, a quen convencía con carambelos ou diñeiro, para que fose a zonas escondidas da localidade ou á súa vivenda, para abusar sexualmente dela.

Por estes feitos, o Xulgado de Instrución número 2 de Marín, no auto do 17 de xuño de 2016, xa impuxo ao acusado a medida cautelar de prohibición de achegarse á vítima, a unha distancia inferior a 100 metros, así como a de comunicarse con ela por calquera medio.

A Fiscalía considera que os feitos son "constitutivos dun delito continuado de abuso sexual non consentido, con abuso de trastorno mental e penetración".

Por todo iso, solicita unha pena de 9 anos de prisión, a prohibición de que o acusado se aproxime á vítima a menos de 100 metros, tanto do seu domicilio como de calquera outro lugar no que se atope, por un tempo de 10 anos, e liberdade vixiada durante 5 anos.

En concepto de responsabilidade civil, pide que o procesado indemnice a vítima con 20.000 euros polos danos morais sufridos.

Por outra banda, o Ministerio Fiscal solicita que ante "a falta de madurez da vítima" a súa declaración no xuízo oral se realice con intervención de psicólogas do Imelga, para que lle trasladen as preguntas que se lle formulen e que se empreguen medios que impidan o contacto visual entre a vítima e o procesado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta