En Marea e BNG esixen "intervir" Alcoa, mentres PPdeG pide vantaxes eléctricas para a empresa

PSdeG defende que o Executivo central actúa "con dilixencia" e cre que "hai marxe temporal" para que outra compañía compre as plantas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2019 | Actualizada ás 18:55

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, coincidiron este luns en esixir ao Goberno estatal a "intervención" de Alcoa para "solucionar" a situación de centos de traballadores tras o expediente de regulación de emprego (ERE) presentado nas plantas da Coruña e Avilés (Asturias).

Imaxe da manifestación de Alcoa na Coruña.. M. DYLAN - EUROPA PRESS
Imaxe da manifestación de Alcoa na Coruña.. M. DYLAN - EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

O líder do partido instrumental remitiuse, nunha rolda de prensa deste luns, á "multitudinaria" manifestación deste domingo na cidade herculina, na que participaron "máis de 3.000 persoas". Así, fixo un "chamamento ao Goberno de Pedro Sánchez" e suxeriulle que a "intervención" sería unha "solución" que é "desexable" e "posible legalmente", de acordo, ao seu modo de ver, co artigo 128.2 da Constitución, que "lexitima" estas actuacións.

Neste sentido, asegurou que a intervención de entidades é algo "reiterado na última década" polos gobernos de Mariano Rajoy e de José Luís Rodríguez Zapatero. Villares recordou os 50.000 millóns de euros destinados ao "rescate da banca", dos cales "38.000 millóns non se van a recuperar nunca", e os "máis de 300 millóns" para "rescatar" as concesións das radiais madrileñas. E é que, segundo as súas cifras, a intervención en Alcoa custaría "apenas 120 millóns".

BNG ESIXE UNHA PROPOSTA "SERIA E DE FUTURO" DE XUNTA E GOBERNO

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apuntou que non se pode permitir" que en Galicia, un país que ten unha "gran riqueza" en produción de electricidade, "haxa 400 empregos en risco polo custo da electricidade".

A continuación, lamentou que non haxa unha proposta "seria e de futuro" por parte do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nin tampouco por parte do Goberno do Estado. "O Estado e a Xunta téñense que pór ao lado dos traballadores e deixar de ser homes de palla de Alcoa. Iso significa aceptar a proposta de porse á fronte dunha intervención que permita o control das fábricas para buscar un novo comprador que nos permita ter futuro", engadiu Pontón.

O PPdeG PIDE "CERTIDUME"

O portavoz do Grupo Popular no Pazo do Hórreo, Pedro Puy, insistiu en demandar "certidumbre" ao Executivo central, de forma que empresas electrointensivas como Alcoa "teñan unha resposta adecuada" aos custos enerxéticos.

Seguidamente, aseverou que o Goberno de Pedro Sánchez é a administración que "ten a capacidade de resolver" esta cuestión.

O PSdeG APELA A "SEGUIR PELEXANDO"

Noutra rolda de prensa ofrecida este luns, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, declarou que "hai que seguir pelexando" para que poida haber unha resolución "positiva".

Deste xeito, pediu á Xunta e ao Ministerio que "fagan todo o posible" para buscar unha solución. Leiceaga asegurou que "aínda hai marxe temporal" para manter os postos de traballo en Alcoa e buscar outra empresa que manteña a factoría.

Nesta liña tamén se pronunciaba o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, nunha entrevista concedida á TVG este luns. En concreto, tras cualificar a situación de "complexa", destacou que o Goberno está "a actuar con dilixencia" e "implicado ao 100%". Sobre a solución, segundo explicou a TVG nun comunicado, falou dunha intervención para obter seis meses máis de prazo. Con todo, desmarcouse dunha posible propiedade estatal e destacou que o seu futuro ten que ser con novos investidores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo

" Unha intervención que permita ter o control das fábricas". ! E que non hai tal! Para ter un control absoluto, habería que nacionalizalas. Porque eso de dicir boeno si, é privada, pero nos a " intervimos" non é dicir nada.

1 IVIK

Estaría ben o de nacionalizar moitas empresas, todos pensamos nas eléctricas por exemplo, pero Alcoa... en fin. Debería pensarse algo máis en facerlle devolve-los cartiños públicos que estafou.