Un certame para rachar coa "masculinización" do mundo musical

Eclosom é un concurso organizado pola Gentalha do Pichel que procura a aparición de novas bandas galegas, ademais de dar visibilidade a grupos con presenza de mulleres.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/01/2019 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A asociación cultural A Gentalha do Pichel presenta unha nova edición do Eclosom, o certame de músicas emerxentes que apoia bandas que apostan pola nosa lingua, amais de dar visibilidade ás formacións con presenza feminina.

Nuada, gañadoras do II Certame Eclosom
Nuada, gañadoras do II Certame Eclosom | Fonte: Gentalha do Pichel

O concurso, que se celebra por terceiro ano consecutivo, chega co obxectivo de rachar coa "masculinización" do panorama musical. "É xusto recoñecer que xa son diversas as iniciativas que teñen xurdido nos últimos tempos para facer ver que as mulleres están presentes", admiten dende A Gentalha. "Percíbese unha maior sensibilidade por parte das programadoras e os festivais organizados por asociacións culturais como a nosa" no que respecta a incluír nos seus cartaces bandas galegas con mulleres, mais aínda perdura "o absoluto desleixo" das institucións, "non só no referente á igualdade de xénero, senón tamén ao galego". 

Porén, as esperanzas que depositan neses proxectos nacidos dende a base non se estenden aos festivais máis comerciais ou ao resto da escena musical galega. "Nos últimos tempos observamos certo estancamento na aparición de bandas do país e a falta de relevo xeracional das xa consalidadas. Ollamos con preocupación o predominio das bandas foráneas en boa parte dos festivais", lamentan. Coidan que os circuítos da "cultura dominante" están máis interesados no lucro económico ca na difusión da propia cultura en si mesma.

CREAR REFERENTES

Sendo así, o certame intenta romper esta tendencia e darlle cabida a esoutras formacións musicais galegas que se están abrindo camiño. Propoñen "dar visibilidade a esas músicas que sabemos que existen, coñecer o seu traballo e desfrutar do seu talento; que sirvan de referente a todas esas mozas que ven o mundo da música como algo hexemonizado polos homes"

Ademais, o colectivo compostelán asegura que o seu compromiso coa música galega non só fica en feitos puntuais coma este, senón que se manifesta alén diso. Teñen en mente a construción dun local de ensaio para bandas de diferentes estilos. De feito, o grupo gañador do concurso deste ano non só recibirá unha contía económica, senón que poderá gozar dese espazo durante todo o ano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Ou sexa que se os grupos musicais non teñen mulleres, están " masculinizados" e iso atenta ca " igualdade de xénero". Só falta que sexa obrigatorio que nos grupos musicais haxa mulleres. E iso de " dar visibilidade" e unha coña ¿ Seica a xente e invisible? ¿ Seica que se a xente non sae nos medios de comunicación ou se non se fala dela a cotío, é invisible? Teimas un pouco tolas.