Patti Smith, confirmada para o 33º Festival Noroeste da Coruña

A "madriña do punk" ofrecerá o que é o seu único concerto de balde en España ata o momento. Será o 9 de agosto na praia de Riazor.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2019 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

O 33º Festival Noroeste Estrella Galicia da Coruña, que terá lugar do 6 ao 11 de agosto, confirmou este martes que a "madriña do punk", Patti Smith, actuará na praia de Riazor acompañada da súa "fiel banda".

Patti Smith. EUROPA PRESS - Arquivo
Patti Smith. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

A actuación da estadounidense, de 72 anos de idade,  terá lugar o venres 9 de agosto ás 23,30 horas no areal herculino. Por agora é o seu único concerto de balde confirmada para este verán en España. Alí interpretará temas xunto á súa banda, con quen "forman xa parte da historia universal do rock". 'People Have the Power', 'Gloria' ou 'Because the Night', entre moitos outros, serán algunhas das míticas pezas que se poderán escoitar.

Segundo a organización do festival, Patti Smith, considerada "como a máis grande poetisa da música estadounidense", fará un repaso dos mellores discos dos seus máis de catro décadas de traxectoria, "desde o icónico 'Horses' (1975) ata o seu último traballo, 'Banga', editado en 2012".

O 33º Noroeste Estrela Galicia celebrarase "coa mesma filosofía urbana, ecléctica e de calidade dos seus últimos catro anos". Na pasada edición, o festival rexistrou preto de 90.000 asistentes e un 72 por cento de cota feminina. O cartel tivo máis de 85 bandas e artistas programadas.

Este ano "repetirá os seus máis de 150 horas de música en vivo sobre escenarios singulares repartidos por toda a cidade, para consolidarse de novo como unha cita única e de referencia do verán peninsular".

UNHA CITA MUSICAL "ÚNICA EN ESPAÑA"

A organización lembra que o Festival Noroeste Estrela Galicia "é unha cita musical única en España", que ofrece un programa "atractivo" con concertos gratuítos ao aire libre e que cada ano reúne de media a 60.000 persoas. Ademais, considérase "un dos eventos musicais máis imprescindibles do verán do norte peninsular".

O Noroeste, organizado polo Concello da Coruña coa colaboración de Estrella Galicia, apostará "non só por grandes nomes internacionais, senón tamén por novas promesas que pisan forte e polas bandas locais e galegas con moito que dicir enriba dun escenario".

"Fiel á filosofía que vén caracterizando ao festival nas súas últimas edicións", o Noroeste Estrella Galicia manterá en 2019 o seu carácter urbano con escenarios repartidos por toda a cidade, que permitirán ofrecer ao público "novas experiencias e outras formas de interactuar coa xente a través da música".

Tamén ofrecerá ciclos de programación para todo tipo de públicos a diferentes horas do día e da noite. Contará ademais con sesións matinais e o 'Ciclo Selección Noroeste', con directos en teatros e recintos a cuberto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta