O delegado do Goberno xustifica a caída do investimento en Galicia

Alega que as contas se axustan "ao que se pode gastar" fronte á "maquillaxe" do PP e nega que inflúa "a cuestión territorial"

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 15/01/2019 | Actualizada ás 16:59

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, defendeu os Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para este ano do Executivo fronte ás críticas polo descenso no investimento no país, argumentando que se axustan "ao que se pode gastar" fronte á "maquillaxe de contas" do PP.

Javier Losada.
Javier Losada.

"É un Goberno que non infla o orzamento", dixo rexeitando que haxa detrás unha "cuestión territorial", ao ser preguntado polos investimentos en autonomías como Cataluña fronte á redución dun 19% en Galicia, ao situarse este ano o investimento real en 757,1 millóns. A esta contía, Losada sumou os "42 millóns do fondo de compensación" e outros "15,8 millóns de transferencias de capital".

"O proxecto estrela son as persoas e non o cemento", expuxo o delegado do Goberno para defender uns orzamentos, que cualificou tamén de "realistas" e "sociais" polas partidas destinadas á revalorización das pensións, 61,5 millóns para Galicia; as bolsas, 30,5 millóns, ou a recuperación do subsidio de desemprego para maiores de 52 anos, 15,1 millóns destinados a 5.343 galegos.

"Invístese para executar", dixo tamén sobre as partidas incluídas en ministerios como o de Fomento. Deste departamento, afirmou que figura "un investimento real para executar". "Nalgunhas actuacións nin existían proxectos", engadiu en alusión á xestión do PP, ao que acusou de facer trampas ao solitario" en anteriores exercicios.

INFRAESTRUTURAS "ESTRATÉXICAS"

Así, reprochoulles incluír nos seus orzamentos, cando gobernaban, "46 millóns dunha fragata que nin sabían que ían facer". Fronte a iso, dixo que as contas do Goberno "priorizan as infraestruturas estratéxicas de Galicia".

Entre outros, citou os 315 millóns de Adif "para o AVE e outras infraestruturas ferroviarias"; os 36,3 millóns para a A-54 (Santiago-Lugo) ou os 25 millóns orzados para a A-57, en Pontevedra.

Na súa defensa das contas do Goberno, argumentou tamén que "a execucion do PP" estivo "moi por baixo do investimento real recollida no orzamento" deste ano. "O goberno do PP deixou de executar máis de 2.000 millóns en Galicia nos últimos anos", insistiu.

Aos populares reprochou tamén que rexeitasen un aumento do teito do gasto o que, expuxo, permitiría ter "máis recursos". "Son os orzamentos da verdade", insistiu sobre unhas contas "que suman case 8.500 millóns de euros, 207 máis que en 2018" para Galicia, defendeu. "3.142 euros por cada galego", especificou ao expor o impacto por habitante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 lóstrego

Sipaio

1 Zume

Normal, páganlle pra iso. Roma paga aos traidores.