O Sergas revela que os pacientes cuxa morte se denunciou ante Fiscalía "faleceron en días posteriores ao ingreso"

A xerencia confirma que foron valorados en Urxencias, "nun caso aos nove minutos e noutro aos 14", e que "as decisións clínicas foron compartidas coas familias".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2019 | Actualizada ás 17:33

Comparte esta noticia

A xerencia compostelá confirmou este martes, en relación á denuncia por parte dunha representante do sindicato O'Mega sobre a morte de dous pacientes ingresados en Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) o pasado 2 de xaneiro denunciada ante a Fiscalía, que ambos os usuarios "foron valorados e recibiron atención sanitaria aos poucos minutos de chegar ao servizo" e "faleceron en días posteriores ao seu ingreso en Urxencias".

Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ante o colapso sanitario
Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ante o colapso sanitario | Fonte: Asociación de Usuarios do CHUS.

En concreto, a xerencia puntualizou sobre a atención recibida que foi "nun caso aos 9 minutos e noutro aos 14 minutos" de chegar ao servizo.

"Estes pacientes foron atendidos non só por profesionais de Urxencias, senón ademais polos diferentes facultativos especialistas nas graves doenzas previas que xa padecían e fixéronselles todas as probas complementarias que os clínicos estimaron necesarias", afirmou.

Así mesmo, a xerencia fixo fincapé en que estes pacientes "faleceron en días posteriores ao seu ingreso en Urxencias" e, engadiu, en ambos os casos "as decisións clínicas foron compartidas coas familias".

Respecto deste caso, a xerencia xustifica que "xa o pasado venres en canto se tivo coñecemento da denuncia pública a través dos medios de comunicación", a dirección do complexo hospitalario compostelán "iniciou unha investigación organizativa que xa determinou ese día que ningún paciente morreu nos corredores das urxencias".

"A sanidade pública conta con mecanismos de garantía contrastada (SINASP) para que os profesionais de servizo que detecten algunha anomalía organizativa, mala praxe ou evento adverso poidan comunicalo internamente, incluso desde o anonimato", explicou a xerencia compostelá,

Con este mecanismo, activaríase, puntualizou, "unha investigación interna na que se pescudan as causas e da que se derivan accións e propostas de mellora, así como a determinación de responsabilidades". Respecto diso, destacou que "os xestores desta canle (SINASP) non recibiron ningunha comunicación en relación aos feitos denunciados", abundou.

REFORZO

Así mesmo, recordou que a xerencia "monitoriza en todo momento" a situación de Urxencias e, dado o incremento da afluencia de pacientes, "no día 2 tivo dotados todos os espazos para atender urxencias e ordenou reforzo de persoal no servizo para atender o incremento inusual de pacientes que se estaba producindo e que permitiu atendelos a todos".

En concreto, a xerencia compostelá recalcou que "moito antes de que a delegada sindical enviase a comunicación vía correo electrónico á xerencia estaba dada a orde de reforzo de persoal".

Tamén recordou que ao longo da tarde do día 2 de xaneiro "houbo ocos libres nos diferentes espazos de Urxencias", situación, apostilou, "que facía totalmente innecesaria a ocupación da antiga sala de reanimación (situada noutra planta) que demanda a denunciante".

"As urxencias clasificadas como urxencias vitais son atendidas na sala de críticos e na de monitores e ao longo da tarde do 2 de xaneiro sempre houbo ocos libres nalgunha das dúas zonas", sentenciou a xerencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Esto que é...? Fake News ? Ou somos parvos ou somos parvos! NON máis Colaboracionismo cos xestores deste Sergas Asasino !!! Os responsables de tanta mentira deberan ser levados ante os Tribunais de Xustiza (non deberamos permitir que cargos da Administración mintan impunemente á cidadanía) Os políticos non están para sacarse fotos, están para denunciar a manipulacións e as denegacións dos servizos básicos para manter e mellorar a saúde da cidadanía! A ver cada quén comeza a facer o seu traballo: os médicos mellorando o servizo e calidade sanitaria e os políticos eliminando os xestores homicidas do Sergas! https://youtu.be/e85k0DfROJk