A Xunta destina outros 6 millóns a propaganda mentres o persoal sanitario denuncia colapso

A Axencia de Turismo de Galicia gastará máis de 5,7 millóns de euros en medios de comunicación para promocionar o turismo. Un diñeiro que se suma aos case 2 millóns que a Secretaría Xeral de Medios concedeu durante o pasado ano aos grandes medios de comunicación galegos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/01/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A sanidade pública galega vive momentos tensos con protestas e folgas nas que os traballadores denuncian o colapso e falta de medios para realizar o seu traballo. Pero, a pesar desta situación, a Xunta segue destinando enormes cantidades de diñeiro, millóns de euros, para facer propaganda e publicidade nos grandes medios de comunicación.

Feijóo con Nava Castro na promoción dun evento turístico
Feijóo con Nava Castro na promoción dun evento turístico | Fonte: Xunta.gal

Así, a Axencia Turismo de Galicia acaba de presentar o concurso para a elaboración, produción e plan de medios da campaña de promoción dos recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia durante 2019 por valor de máis de 5,7  millóns de euros. Unhas partidas que, curiosamente, diminúen con respecto ao pasado ano pero que, a diferencia do 2018, non recollen partidas específicas para o Xacobeo que serán xestionadas con outro tipo de convocatorias. É dicir, que haberá máis cartos para propangada neste campo específico.

A ESCUSA DO CAMIÑO

Turismo destaca que a Estratexa de Turismo Galicia 2020 quere avanzar en retos como a desestacionalización e a diversificación, xa que a tempada media e baixa é cada vez máis relevante e a maior suba deuse entre os meses de outubro e xaneiro. Con todo, suliña que o Camiño de Santiago mantén un crecemento constante superior ao 8%, “polo que se agarda que marque un novo récord histórico e volva superar a barreira dos 300.000 peregrinos, acadada por primeira vez en 2017”.

Precisamete, e a pesar de que o Xacobeo 21 non é o obxectivo específico desta campaña e que haberá outras, o Goberno galego xustifica a convocatoria deste concurso, en parte, por este fénomeno turístico para “manter esta tendencia ao longo do ano 2019 e para encarar a promoción do Xacobeo 2021”. Por iso, di, “é preciso desenvolver accións de promoción entre os mercados emisores de viaxeiros máis importantes para a Comunidade galega”, entre as que se atopa una campaña de publicidade global que promova os principais recursos e servizos turísticos galegos.

Unha das páxinas de publicidade de Turismo de Galicia que a Xunta inserta nos medios de comunicación tradicionais
Unha das páxinas de publicidade de Turismo de Galicia que a Xunta inserta nos medios de comunicación tradicionais

Neste sentido, o obxecto marco deste novo concurso publicitario é de “sensibilizar á poboación e aos sectores implicados sobre os valores do turismo e a gastronomía en Galicia”. Para iso, está prevista a realización de cinco ondadas publicitarias, de impacto autonómico e estatal –non hai, curiosamente, ningunha campaña internacional-- ao longo deste ano.

CINCO CAMPAÑAS PUBLICITARIAS

Entre estas campañas destacan unha de promoción turística de Galicia durante a primaveira, potenciando o interese turístico de Galicia durante a Semana Santa e as pontes de maio e dúas no verán; para potenciar o interese turístico de Galicia durante o período estival de 2019 e para a realización dunha campaña interna de concienciación para ofrecer un bo trato aos turistas que visitan Galicia.

Tamén haberá outra de promoción turística de Galicia no outono, potenciando o interese gastronómico e turístico de Galicia durante o último trimestre de 2019 e unha última para destacar a variedade da gastronomía Galicia, así como a calidade da súa restauración.

“Estas campañas teñen carácter estimativo e non vinculante. En consecuencia non existe a obriga de contratación dun número determinado de campañas nin está establecido o importe de cada unha de elas”, recollen os pregos do concurso aos que tivo acceso GC. 

OUTROS DOUS MILLÓNS

Estes case 6 millóns súmanse aos case 2 millóns que a Secretaría Xeral de Medios repartiu en 2018 de forma directa aos grandes medios de comunicación de Galicia. Esta cantidade supón un importante incremento con respecto ás mesmas cantidades que a Xunta destinou en 2017 en concepto de "axudas concedidas a empresas xornalísticas e de radidifusión". Hai dous anos era 1.666.194,87 euros. E en 2018 ascenderon a 1.976.778, é dicir, 300.000 euros máis.  O Grupo Voz, afectado por unha nova reestructuración de plantilla, recibiu 1.120.000 euros, máis da metade das axudas.

NOVAS ESTRATEXIAS DE TURISMO

Curiosamente, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, presentaba este xoves 'Galicia Sabe', a nova estratexia de turismo enogastronómico que aproveita, dixo,  "a oportunidade" de que Galicia se converta en destino líder da gastronomía internacional" se "reposiciona a súa gastronomía tradicional baseada nun abundante, variado e diverso produto de altísima calidade local".

O titular do Executivo galego ha presentado esta iniciativa na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta. Trátase dunha "folla de ruta transversal e dinámica" do turismo enogastronómico que serve como "guía para promover o recoñecemento, a protección e a difusión local, nacional e internacional da cultura enogastronómica de Galicia".

Neste documento recóllense as liñas de actuación e as prioridades para promover un turismo enogastronómico "sostible" e "baseado nos produtos autóctonos e de tempada, no valor das persoas e na paisaxe", dixo. Así, segundo explicou o presidente, tratarán de "combinar vangarda culinaria, convocar a todos os departamentos da Xunta pero sobre todo ao sector primario".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta