Temas: SELECTIVIDADE

Así será a Selectividade de 2019

Realizarase antes do 15 de xuño e requirirá un 4 para aprobar.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/01/2019 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

As probas de Selectividade, agora denominada EvAU (Avaliación de Acceso á Universidade) ou EBAU (Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade), terán que celebrarse antes do 15 de xuño de 2019 en todas as comunidades autónomas españolas, e o alumnado deberá sacar polo menos 4 puntos sobre 10 para poder estudar un grao universitario.

Alumnos nun exame de Selectividade
Alumnos nun exame de Selectividade

Así se establece na orde ministerial publicada este pasado martes no Boletín Oficial do Estado (BOE) que determina as características, o deseño e o contido da avaliación de Bacharelato para o acceso á Universidade, e as datas máximas de realización para o actual curso 2018-2019. A proba non presenta novidades respecto da do ano pasado.

Segundo esta orde, os resultados provisionais das probas de Selectividade deste ano deberán ser publicados antes do 28 de xuño. A convocatoria extraordinaria destas probas poderá realizarse antes do 13 de xullo, se a comunidade autónoma opta por celebrala neste mes, ou antes do 14 de setembro, no caso de que se prefira convocala a finais de verán.

A proba de Selectividade só é obrigatoria para os alumnos que queiran estudar un grao universitario, e examinaranse exclusivamente das materias de 2º curso de Bacharelato cumprindo unha serie de obxectivos de aprendizaxe establecidos, e cuxas cualificacións se calcularán ponderando un 40% a nota da proba, que se supera cun 4 sobre 10, e un 60% a da etapa. O resultado haberá de ser igual ou superior a 5 para poder acceder á Universidade.

O ano pasado, uns 300.000 estudantes realizaron a Selectividade en España. En 2017, matriculáronse nas Probas de Acceso á Universidade un total de 280.852 alumnos, dos que o 55,8% foron mulleres. Así, do total de alumnos inscritos, finalmente, presentáronse un total de 264.980 ás probas e 230.530 estudantes superáronas.

A proba tivo novidades o ano pasado, como que os estudantes puidesen subir nota examinándose dunha segunda lingua estranxeira ademais da que lles sexa obrigatoria, unha proba voluntaria que a universidade poderá ter en conta nos seus procesos de admisión.

Tamén se pode mellorar a nota examinándose de, polo menos, dúas materias optativas de segundo curso, ou presentándose a sucesivas convocatorias da proba, nese caso, a nota que se terá en conta será a máis alta que se obteña.

Temas: SELECTIVIDADE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta