EU volve a ameazar a Villares: "Ningunha responsabilidade no grupo de En Marea é inamovible"

Eva Solla remarca que "a repartición de responsabilidades depende do grupo", que aínda non se reuniu tras o parón do Nadal. Tamén o líder de Podemos advertiu desta posibilidade.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 16/01/2019 | Actualizada ás 12:11

Comparte esta noticia

A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, instou ao portavoz de En Marea, Luís Villares, a actuar con "humildade" e recordou que "ningunha responsabilidade" no Grupo Parlamentario "é inamovible". É a segunda vez que EU advirte a Villares deste xeito. Unhas advertencias ás que tamén se sumou Podemos.

Eva Solla. EUROPA PRESS - Arquivo
Eva Solla. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Así se referiu a deputada de En Marea, nunha entrevista na TVG, á posibilidade de que os deputados críticos con Villares --maioría no Pazo do Hórreo-- forcen ao maxistrado lucense a abandonar o seu cargo de portavoz na Cámara.

"A repartición de responsabilidades depende do grupo", apuntou a tamén vicepresidenta segunda do Parlamento, que incide en que calquera cargo "é revisable" pero que, polo momento, "non hai ningún debate aberto" no seo do grupo sobre a continuidade de Villares á fronte do mesmo.

No entanto, Solla sinalou que o Grupo Parlamentario aínda non se reuniu tras o parón do período de sesións plenarias. Villares goza unicamente do respaldo de tres dos seus compañeiros na Cámara --Davide Rodríguez (Anova), Paula Vázquez Verao (Cerna) e Pancho Casal (ex de Podemos)--; polos 10 deputados que se aliñan co sector crítico, perdedor das primarias en En Marea.

PIDE "HUMILDADE"

Así, Eva Solla instou a Luís Villares a desempeñar con "humildade" a súa "tarefa", para a que, segundo a de EU, "non basta só con sentirse seguro" logo da súa vitoria nas primarias. "Ten que pór do seu parte", apostilou.

E é que, o pasado luns, Villares respondía ao líder de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, que un día antes asegurara nunha entrevista na Cadea Ser que, de estar na posición do maxistrado, dimitiría do seu cargo como portavoz no Pazo do Hórreo.

"Se fose Gómez-Reino, nas entrevistas daría conta das negociacións da axenda galega nos PGE", espetou Villares a preguntas dos xornalistas durante unha rolda de prensa celebrada na Cámara. "Non empeza ben (Villares) cando se lle dá unha confianza a pesar de todo o que fixo á fronte da dirección de En Marea, e agora traslada ao resto a responsabilidade", resaltou Eva Solla.

FUTURO

Cuestionada sobre o futuro do espazo político da chamada unidade popular e tras remarcar que EU está fóra do funcionamento orgánico de En Marea, Eva Solla indicou que o seu partido "seguirá facendo alianzas con forzas de esquerda".

Así, cingue ao partido instrumental En Marea o papel de "ferramenta" creada para presentarse ás eleccións autonómicas de 2016, polo que, ao seu xuízo, tras o "abandono do diálogo" por parte de Villares e os seus afíns "ábrese unha nova fase" para conformar un novo proxecto da unida popular na que deben participar "as organizacións de esquerda, as mareas municipais e o tecido asociativo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 A come-lo caldo

IU, tan preocupados polas procesións de Sevilla, as touradas de Albacete e sobre todo, polo seu desvelo en arranxar ese gran problema chamado tren a Burgos segue sen dar a cara e explicar aos galegos e galegas esa desfeita de presuportos pactados polo seu amos e señor, o macho alfa da Complutense co señor Sánchez. IU asinou os peores orzamentos da historia de Galiza.