A Xunta permitirá ampliar o número de Institutos Históricos de Galicia para "salvagardar" o patrimonio educativo

Máis de 40 pezas, como útiles prehistóricos e calculadoras mecánicas, compoñen unha exposición inaugurada este venres no Mupega de Santiago.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/01/2019 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, anunciou que nos próximos meses a Xunta publicará unha orde que regulará por primeira vez os Institutos Históricos de Galicia, "tanto os seis xa considerados como outros dignos de alcanzar o recoñecemento" e aos que a normativa abrirá esta posibilidade se contan con certas características.

Vista dorsal (arriba) e lateral (abaixo) da especie de fósil Beneziphius cetariensis
Vista dorsal (arriba) e lateral (abaixo) da especie de fósil Beneziphius cetariensis | Fonte: Miján, I., Louwye, S. e Lambert, O. (2017). A new Beneziphius beaked whale from the ocean floor off Galicia, Spain and biostratigraphic reassessment of the type species. Acta Palaeontologica Polonica 62 (X): xxx–xxx.

Esta norma "suporá unha defensa e protección para un patrimonio educativo non moi coñecido polo momento", pero que están "a pór en valor para a súa salvagarda", tal e como explicou a mandataria.

En concreto, avanzouno este venres, durante a inauguración da mostra 'Homo Sapiens, transmisor do coñecemento. Saberes humanos a través do patrimonio nos Institutos Históricos de Galicia', que se atopa no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) na capital galega e reúne 42 pezas educativas con valor histórico e de carácter tanto científico como artístico, didáctico ou funcional.

As pezas que conforman a exposición atópanse habitualmente custodiadas nos considerados seis Institutos Históricos da Rede Mupega, que conforman o IES Plurilingüe Eusebio da Guarda e Salvador de Madariaga da Coruña; o IES Lucus Augusti e Ramón Otero Pedrayo de Ourense; o Sánchez Cantón de Pontevedra e o Arcebispo Xelmírez I de Santiago.

A conselleira explicou que a mostra contribúe a divulgar o patrimonio histórico e educativo, "e que polo tanto forma parte do patrimonio cultural do noso país". Ademais, afirmou que é "unha ferramenta formativa que permitirá o coñecemento da nosa propia historia e a interpretación da diversidade cultural do mundo no que vivimos".

A exposición vai acompañada dunha programación didáctica específica dirixida aos centros educativos que queiran coñecer o patrimonio educativo, con talleres e actividades organizadas á súa ao redor "que achegarán importante información relacionada non só coas pezas expostas, senón tamén co seu contexto histórico e social".

UNHA MOSTRA CON CATRO SECCIÓNS

A mostra divídese en catro seccións. A primeira, 'O ser humano, centro do coñecemento', inclúe catro pezas: un modelo humano clástico, fósiles e útiles prehistóricos, unha 'Encyclopédie' e unha máquina calculadora mecánica da empresa alemá Grimme.

'Homo regnans' ten un total de 27 pezas entre as que destacan un estoxo de xeoloxía do século XIX, un anteollo terrestre, un aparello para demostrar a existencia do baleiro e a presión atmosférica e un embude de laboratorio de vidro do século XX.

'O ser humano crea. Homo creator' está integrada por cinco pezas entre as que poden atopase un cadro do pintor José Seijo Louro e un retrato de D. Eusebio da Guarda feito polo galego Gumersindo Pardo Reguera en 1896.

A última sección, 'O ser humano relacionar. Homo socialis', inclúe seis pezas entre as que destacan un cadro de avisos de chamadas eléctrico, un dicionario octolingüe e un telégrafo de 1907.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta