Fernán Vello asegura que os deputados de En Marea votarán "non" aos orzamentos de Sánchez

O deputado de En Marea di que estes orazamentos "non apostan pola verdadeira articulación interna" e só promoven o AVE coa Meseta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/01/2019 | Actualizada ás 16:27

Comparte esta noticia

O deputado de En Marea por Lugo Miguel Anxo Fernán Vello trasladou este venres á subdelegada do Goberno na provincia que os cinco deputados no Congreso votarán "non" aos orzamentos xerais do Estado para 2019, "se non se conseguen melloras substanciais para Lugo e para Galicia". Unhas contas ás que se referiu como "intolerables e inasumibles, xa que non se comprometen coas verdadeiras necesidades de Galicia en moitas materias e reduce os investimentos nun 20 por cento en relación ás partidas do ano pasado, cunha caída de 184 millóns de euros".

Miguel Anxo Fernán-Vello
Miguel Anxo Fernán-Vello | Fonte: Asociación de Escritores en Lingua Galega wikimedia

Fernán Vello advertiu de que os votos dos deputados deste grupo "son fundamentais para a aprobación destas contas" e avanzou, ademais, que van esixir ao Goberno central "a creación dunha comisión bilateral de negociación de devanditas contas". Por parte de En Marea criticaron "que os orzamentos non apostan pola verdadeira articulación interna e o único que promoven é unha conexión de AVE coa Meseta e esquécese de Galicia". "Non contemplan a prolongación do Eixo Atlántico ferroviario nin o desenvolvemento da conexión con Portugal, nin sectores produtivos", precisaron.

En concreto, en Lugo "non se aposta polo impulso do tren Lugo-Ourense, nin un verdadeiro compromiso coa mellora en Monforte despois do cambio da Unión Europea de ampliar o Corredor Atlántico pola liña Monforte-Valdeorras".

CONSIGNACIÓN "RIDÍCULA"

Ademais, Fernán Vello referiuse á "ridícula" consignación de 160.000 euros para a conexión ferroviaria Ourense-Lugo e denunciou "que a precaria liña do antigo FEVE, recollida baixo a denominación de proximidade, rede de ancho métrico, non recibe nin un euro no seu paso polo territorio da Mariña nas contas de Adif para Lugo".

No que se refire á capital de provincia, Fernán Vello mostrouse crítico debido "á falta de investimento para melloras de infraestruturas na propia cidade ou para levar a cabo actuacións pendentes desde hai tempo".

XENEROSIDADE DE A NOVA

Fernán Vello manifestou que "en Anova hai unha intelixencia política demostrada ao longo do tempo, unha seriedade e unha xenerosidade" con "unha acción unitaria" e "a mestura das esquerdas no camiño de consecución dunha sociedade máis xusta e de obter mecanismos que produzan un maior benestar para o conxunto da cidadanía".

Unhas declaracións que realiza despois de que Podemos realice un ofrecemento a Esquerda Unida, Anova e as mareas locais para "abrir un diálogo fóra de En Marea" para crear unha nova alternativa. Fernán Vello considera que "Anova é unha organización autónoma e debaterá de forma interna a súa acción política, polo que decidirá a súa folla de ruta". Con todo, referiuse a esta formación como "unha forza nacionalista republicana galega de esquerdas".

Preguntado polo anuncio de Íñigo Errejón de presentarse ás eleccións da Comunidade de Madrid baixo as siglas de máis Madrid, de Manuela Carmena, Fernán Vello expresou o seu desexo "de que o conxunto da esquerda teña conciencia da súa importancia e transcendencia política nun momento de certa preocupación na sociedade porque se están estendendo forzas fascistas como Vox".

O deputado de En Marea afirma que hai que "facer fronte a calquera tipo de involución ou paso atrás nos dereitos das mulleres e dos traballadores" e recoñece "que todo se pode recompor, o debate é continuo e as tensións tamén son moi positivas". "A realidade política é moi volátil pero chamo á conciencia de unidade de acción da esquerda nun momento no que hai un temor moi crecente", subliñou finalmente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

pois iso de votar contra os orzamentos imos a ver se é certo... como moito serán 2 votos o de Alexandra e o del... pero os outros tres votos non os vexo por ningures! https://i.gal/gamela03 Esto non o entende nin cristo... vanlle dar o goberno ao PP ? (son capaces!)