Piden 12 anos de cárcere para un acusado de abusar sexualmente da súa irmá menor

Os feitos comezaron cando o rapaz cumpriu os 18 anos e a nena tiña 11. A vítima precisou atención psicolóxica. O xuízi será este martes en Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 19/01/2019 | Actualizada ás 11:06

Comparte esta noticia

A Fiscalía pide 12 anos de prisión para un home acusado dun delito continuado de abuso sexual cara á súa irmá, unha nena de 11 anos de idade. O home será xulgado, a porta pechada, este martes na sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Manifestación en Vigo contra a violencia machista
Manifestación en Vigo contra a violencia machista | Fonte: Miguel Núñez.

Segundo o escrito de acusación pública, os feitos ocorreron no domicilio familiar, no partido xudicial de Cambados (Pontevedra). Así, relata a Fiscalía, desde que o acusado alcanzou a maioría de idade, momento en que a súa irmá tiña 11 anos, comezou a abusar dela sexualmente.

O procesado aproveitaba as ausencias dos seus pais polas tardes para executar sobre a menor, "nun número indeterminado de ocasións, pero practicamente todas as semanas", actos de natureza sexual co fin de satisfacer os seus desexos.

O ministerio público sinala que a menor accedía a eses actos pola "confianza" que tiña no seu irmán, e porque este lle presentaba os abusos coma "un xogo".

Como consecuencia destes feitos, a nena sofre secuelas como síntomas de reexperimentación de recordos, ansiedade, alteración do soño ou apatía, e necesitou apoio psicolóxico.

A Fiscalía acusa ao procesado dun delito continuado de abusos sexuais á menor de 13 anos, e pide para el 12 anos de prisión. Ademais, reclama que indemnice á súa irmá con 30.000 euros polos danos morais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta