Desaparecido dende o xoves un home de 38 anos en Cambre

A última información que se ten sobre o seu paradoiro sitúao na cidade da Coruña.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2019 | Actualizada ás 18:36

Comparte esta noticia

A organización 'SOS desaparecidos' denunciou que un home de 38 anos de idade, Isaac da Aira Seara, falta do seu domicilio en Cambre (A Coruña) desde o pasado xoves 17 de xaneiro.

Cartel do desaparecido en Cambre. SOS DESAPARECIDO
Cartel do desaparecido en Cambre. SOS DESAPARECIDO | Fonte: Europa Press

A asociación informou da desaparición logo de ter coñecemento a través da familia do home. Segundo a información facilitada, mide 1.78 metros, ten pelo curto de cor castaña, ollos castaños e viste chándal azul mariño con raias vermellas e brancas, cazadora azul mariño e uns tenis.

A súa muller, Mónica Calván, explicou a Europa Press que Isaac da Aira saíu do domicilio o xoves ao redor das once e media da mañá para entregar no Concello unha documentación que lle solicitara a asistenta social. Ao parecer, recomendoulle á súa muller que quedase na casa e non o acompañase porque estivera enferma con gripe.

Con todo, a muller explicou que deixara na casa a documentación e as chaves do domicilio. Debido a que non lle respondía ao teléfono, comezou a preguntar na zona, ata que o condutor do autobús de liña lle indicou que o levara ata os xardíns de Méndez Núñez da Coruña.

A última información que dispón do seu paradoiro é que estaría tomando un café na cidade herculina. O desaparecido estaba a tomar medicación para ansiedade e depresión debido a que "facía moito tempo que non atopaba traballo e iso xeráballe preocupación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta