Vox ataca a normalización lingüística do galego

O secretario xeral de Vox introduce no seu discurso conceptos como a suposta "ideoloxía de xénero" ou a "imposición" da lingua de noso sobre o castelán. Foi nun acto celebrado en Ourense, no que decenas de persoas se manifestaron en contra do ideario do partido de ultradereita.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 19/01/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Vox, Javier Ortega Smith, reivindicou a suposta necesidade de que "se protexa o dereito a coñecer e falar o español" en Galicia e criticou as primeiras leis de normalización lingüística "promovidas por Fraga".

Ortega Smith, rolda de prensa en Ourense
Ortega Smith, rolda de prensa en Ourense | Fonte: Europa Press

Nunha rolda de prensa previa a un acto convocado na sede de Afundación de Ourense polo partido de ultradereita, censurou que as institucións, "especialmente o Partido Popular", fagan unha "estraña batalla" en relación ao español cando ninguén o "puxo en dúbida". Do mesmo xeito, mostrouse desconforme coas primeiras leis de normalización lingüística "promovidas por Fraga" e lamentou que, "desgraciadamente", este modelo se seguira noutros lugares como Cataluña, Baleares ou Valencia.

"Queremos que se protexa o dereito constitucional a poder coñecer e falar o español nas administracións e que os medios públicos se emitan español; iso non significa deostar o galego, pero o galego, parte da riqueza cultural lingüística española, ha de ter un encaixe dentro da educación do mesmo xeito que o español", defendeu, ignorando a verdadeira realidade lingüística que amosan as estatísticas.

Por poñer un exemplo, no recente 2018, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, emitiron un informe cuxas conclusións nada teñen que ver coas impresións vertidas polo representante de Vox. No estudo, alértase dos usos minguantes do galego nos últimos tempos, sobre todo entre a xente máis nova, dando lugar a unha fisura na transmisión xeracional. Os datos que ofrece o traballo mostraban que a porcentaxe de profesores que se dirixían aos alumnos unicamente en castelán era bastante superior aos que o facían en galego.

Por outro lado, Ortega Smith insistiu en que o PP de Galicia "se caracterizou ao chegar ao Goberno por apoiarse en galegos que reivindicaban protección en liberdade do español" e asegurou que "iso non ocorreu na educación, nas administracións nin nos medios de comunicación".

Así mesmo, Ortega Smith manifestou as intencións do partido en Galicia e Ourense acerca de "terminar cos tabús polas ideoloxías de esquerda", ademais de posicionarse en contra de "leis liberticidas" e supostas "ideoloxías de xénero". O partido, que demoniza o movemento feminista, defende a derrogación da Lei de Violencia de Xénero e non entende que o aborto sexa un dereito para as mulleres. De feito, entre as súas medidas está eliminar a posibilidade de decidir sobre o propio corpo neste sentido.

Ademais, o secretario xeral opúxose ás "falsas memorias históricas" e ao que deu en chamar  "imposicións lingüísticas".  Por outro lado, expresou que "hai que baixar a presión fiscal e terminar con todos os impostos confiscatorios, especialmente co de sucesións e doazóns", algo orientado aos herdeiros máis acaudalados, ademais de "cometer un apoio ao mundo rural".

"SOBRERREGULACIÓN" NO ÁMBITO RURAL

No tocante a ese ámbito rural, resaltou a importancia de "pór solución a un problema histórico e endémico", en alusión ao despoboamento. Propoñen "levar a cabo un proxecto que faga atractiva a volta a esta terra", pero coidan que existe unha "sobrerregulación en materias de urbanismo e ambientais" que supón "obstáculos" á hora de crear novas iniciativas.

A fío dos cambios do rural, sinalou que se debe "incidir" na creación de "comunicacións eficaces terrestres e dixitais" a través das novas tecnoloxías e a posta en marcha de "polos de atracción económicos" mediante "incentivos fiscais" para que as empresas "saian da contorna das grandes cidades e aposten polo investimento no campo".

"A voz de Vox en Galicia era descoñecida e estraña, pero ten razón de ser", di o representante do partido de ultradereita. "Galicia sofre unha das peores consecuencias do modelo autonómico. Queremos que Ourense sexa un lugar de desenvolvemento económico e prosperidade, necesitamos enraizalo dentro do mesmo proxecto nacional", subliñou.

PROTESTAS AO COMEZO

Á mesma hora da convocatoria da rolda de prensa de Vox, decenas de persoas manifestáronse na contorna do edificio para criticar os asistentes ao acto organizado pola formación. A mobilización supuxo que varias patrullas da Policía Nacional se desprazasen ao lugar.

Ante isto, Ortega Smith aproveitou para dicir que a súa formación defenderá a liberdade de expresión e de opinión política, así como o Estado de dereito, fronte ás persoas que pretenden que se suspendan os seus actos, algo que "adoita ocorrer no resto de España".

Congregáronse máis de 200 persoas no edificio de Afundación de Ourense para asistir ao encontro co secretario xeral do partido, das cales ao redor de tres decenas tiveron que quedar fóra ao encherse o aforamento da sala.

ELECCIÓN DE CANDIDATOS

Ortega Smith avanzou que o comité executivo nacional estableceu un sistema para a selección dos mellores candidatos a través dos procedementos internos establecidos para as eleccións municipais, autonómicas e ao Parlamento Europeo. O proceso prolongarase "ata abril".

"Queremos chegar ao maior número posible de municipios co maior número de candidaturas, haberá candidaturas nas capitais de provincia, nos municipios máis importantes e ao Congreso dos Deputados", destacou, para engadir que tamén contan formar listas para as autonómicas "cando se convoquen". Admitiu, aínda así, que "probablemente" non haberá candidaturas de Vox en todos os municipios, pero destacou que isto "non é prioridade neste momento", posto que o "importante" é centrarse só nalgúns.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

3 Gamela

Ampliando información: Chercher l´argent : é moi posible que os primeiros títulos académicos da nova universidade privada Abanca invistan Doctor aos Ortega Smith e Cía. https://www.abc.es/espana/galicia/a...

1 lóstrego

Soito tés que contar o número de fachas que habitan na túa comunidade de veciños ou os que comparten a túa vida laboral.

2 Gamela

¿Como chega Vox a Ourense? Castells afonda na teoría da conspiración... Chercher l´argent Eu prefiro pensar na Deputación de Ourense... Baltar e Cía... https://www.lavanguardia.com/opinio...

1 lóstrego

O fascismo está entre todos nós, e Ourense nunca foi unha excepción. Un ilustre fascista como Calvo Sotelo saíu elixido deputado por esa provincia, logo dun sonoro pucheirazo que deixóu a Alexandre Bóveda sen escano. Ademais Ourense vén sendo a primeira cidade galega onde se forma unha agrupación local de Vox. Non tén moito misterio, con ver os caretos dos "presentes" e saber de onde veñen.

1 uu1

Demagogia pura é dura. O idioma galego está desaparecendo, isto é um ataque mais. Com todo o nosso Rexurdimento xurdiu numa situação de intento de homogeneizar. Eu espero que os galeg@s espertemos é volvamos a usar e a defender a Nossa Língua.

1 Rodicio

Alguén virá que bo me fará, (Fraga dixit)