Catalá nega que Fomento cargara a responsabilidade do accidente de Angrois sobre o maquinista

O que fora secretario de Estado de Planificación e Infraestruturas declarou que o tren non funcionaba cos estándares de alta velocidade o día do suceso. Sobre se pedirá perdón, dixo que quen deba desculparse terá que facelo cando se coñeza a sentenza.

Por E.P. | MADRID | 21/01/2019 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

O que fora secretario de Estado de Planificación e Infraestruturas do Ministerio de Fomento Rafael Catalá sinalou este luns que desde o Ministerio de Fomento en ningún momento se trasladou a responsabilidade do accidente do Alvia en Angrois ao maquinista. Destacou que sempre respectaron a investigación xudicial e técnica, polo que non quixeron anticipar orixes e causas.

Rafael Catalá, deputado do PP. GPPOPULAR - Arquivo
Rafael Catalá, deputado do PP. GPPOPULAR - Arquivo | Fonte: Europa Press

Durante a súa intervención na comisión de investigación do accidente ferroviario de Angrois, recalcou que o tren non funcionaba cos estándares de alta velocidade. "A nós dixéronnos os técnicos que un sistema de alta velocidade se compón de elementos como un tipo de vías, formación, etc., e o 24 de xullo non funcionaba en modo de alta velocidade; e iso foi o que dixemos", engadiu.

Ademais, Catalá sinalou que a xestión que se fixo durante os días posteriores ao accidente estivo movida polo interese de axudar as vítimas, e que desde o primeiro minuto se dedicaron a botar unha man. Ademais, recordou que desde un principio puxeron en marcha os servizos para atención de vítimas de Renfe e "para investigar o ocorrido para evitalo no futuro".

Neste punto, sinalou que hoxe actuaría igual ca o fixo nese momento e subliñou que se puxeron en marcha "as capacidades do departamento para que a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) fixese ben o seu traballo". Preguntado sobre se pedirá perdón ás vítimas pola súa actuación, sinalou que posto que hai procesos abertos sobre o accidente, cando se coñezan sentenzas e conclusións, quen deba pedir perdón deberá facelo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta