O Laboratorio de Saúde Pública de Galicia segue pechado desde decembro por problemas no aire

A Xunta acometerá melloras no saneamento do edificio por mor de distintos síntomas manifestados polos traballadores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2019 | Actualizada ás 17:01

Comparte esta noticia

A Xunta acometerá melloras no saneamento do edificio no que se sitúa o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia en Lugo, que está pechado temporalmente desde decembro por mor de distintos síntomas manifestados polos traballadores, dos que dous están de baixa.

Laboratorio de Saúde Pública de Galicia
Laboratorio de Saúde Pública de Galicia | Fonte: Sergas.

Na Comisión de Sanidade, en resposta á pregunta formulada polo BNG, o director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares, confirmou que nas análises realizadas ata o momento quedou "claro" que "non é ningún problema derivado da actividade do laboratorio", pero que se seguirá traballando" para determinar as causas.

As análises encargáronse a dúas empresas diferentes. Por unha banda, a empresa Novotech avaliou o 13 de decembro os compoñentes químicos volátiles e todos os resultados, subliñou, están "por baixo dos valores recomendados", incluído o clorometano e a acetona que se localizaron nunha das zonas.

Doutra banda, o 20 de decembro, para "localizar a substancia que podería estar a producir a sintomatoloxía manifestada polos traballadores", outra empresa realizou unha mostraxe en oito puntos distintos. Como resultado, constatáronse entre 7 e 11 substancias vinculadas con hidrocarburos das que dúas están en "valores límites".

Trátase de 2-Ethilhexanol e Caprolactama, aínda que "serán analizadas para avaliar os seus niveis", nunha segunda análise. Ademais, a Xunta solicitou informe aos servizos de prevención de riscos laborais sobre estas sustancias.

En todo caso, Andrés Paz-Ares avanzou que xa está previsto que se realicen obras "de forma inmediata" no saneamento do edificio, para as que xa se dispón de "licenza municipal". A expensas das conclusións dos informes, acometeranse medidas de selado do sistema de saneamento das plantas 0 e 1 do laboratorio e probas posteriores de estancamento.

Tamén se revisará o sistema de climatización e ventilación e, tras a instalación de tres novas campás de extracción na zona de microbioloxía, dotarase ao laboratorio dunha nova cheminea de saída da extracción.

Preguntado pola deputada do BNG Olalla Rodil sobre os traballos que se realizaban neste laboratorio e onde se derivaron, Andrés Paz-Ares resaltou que, maioritariamente, foron derivados ao Intecmar. En canto ao persoal adscrito ao Laboratorio, desprazouse a outras entidades da Xunta de forma temporal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta