Por Europa Press / Redacción | MADRID | 23/01/2019 | Actualizada ás 19:00
A Deputación da Coruña presentou este mércores en Fitur a edición 2019 do Gran Fondo Ézaro, o "espectáculo ciclista máis importante de Galicia", que prevé reunir de novo este verán na Costa da Morte a máis de 1.500 participantes cun percorrido por cinco municipios que finalizará, como é tradicional, no Miradoiro do Ézaro, un dos principais atractivos turísticos da zona.
Ademáis da delegación da Deputación da Coruña, encabezada polo deputado da área de Turismo, Xosé Regueira, e polo deputado e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, ao acto, presentado polo xornalista de TVG Terio Carreira, asistiron históricos do ciclismo español como Miguel Induráin e Perico Delgado, o director da Volta, Javier Guillén, e o presidente da Real Federación Española de Ciclismo, José Luís López Cerrón.
Entre o público asistente houbo ademais moitos alcaldes e alcaldesas da provincia, así como caras coñecidas como as dos actores Xosé A. Touriñán, Federico Pérez e David Amor, que deron a nota de humor ao evento.
Durante a presentación, Xosé Regueira destacou a importancia de que a provincia da Coruña se deu a coñecer a través do deporte como un "destino sostible, cunha oferta ampla e diversa a nivel turístico, patrimonial e paisaxístico.
REPERCUSIÓN INTERNACIONAL
José Manuel Pequeño, pola súa banda, situou as orixes do Gran Fondo Ézaro en 2012, cando a Volta Ciclista a España deu a coñecer a nivel nacional o "gran potencial" do enclave. Desde entón, celébrase todos os anos a principios de xullo para reforzar a tempada alta.
Así, Pequeño destacou "a repercusión internacional" que alcanzou o evento nestes anos e que supón hoxe "un excelente escaparate para O Ézaro e para toda a Costa da Morte". Tanto Miguel Induráin como Perico Delgado, dúas lendas do ciclismo español, destacaron a "fulgurante traxectoria" do evento, o reto deportivo que supón para os ciclistas e o atractivo que ten a Costa da Morte para os visitantes.
O Gran Fondo Ézaro é, ademais, a única proba de España pertencente á lista oficial da UCI Gran Fondo World Series, que selecciona a 21 probas en todo o mundo. Este ano, o evento terá lugar o domingo 7 de xullo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.