Anova aposta pola coalición Bildu, ERC e BNG para concorrer ás eleccións europeas

Beiras abraza a proposta de Otegi de crear unha ampla alianza para combater "o auxe da extrema dereita".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2019 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

Anova ofreceuse a EH Bildu, Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e Bloque Nacionalista Galego (BNG) para concorrer ás eleccións europeas na candidatura das forzas soberanistas vascas, catalás e galegas, que será presentada este venres nun acto que terá lugar en Santiago de Compstela.

Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez, de Anova
Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez, de Anova | Fonte: Europa Press

O chamamento foi efectuado polo histórico dirixente nacionalista e cofundador de Anova Xosé Manuel Beiras, que este mércores reapareceu publicamente logo de gardar silencio durante os últimos meses, nos que En Marea --partido instrumental no que participa Anova-- viviu unha profunda crise interna.

Cuestionado sobre como se presentará Anova ás eleccións europeas do próximo 26 de maio, Beiras --acompañado polo portavoz nacional da formación nacionalista, Antón Sánchez-- abrazou a proposta efectuada polo coordinador xeral de EH Bildu, Arnaldo Otegi, quen, nunha entrevista concedida a Europa Press o pasado 5 de xaneiro, propuxo a creación dunha "gran alianza" para as próximas eleccións xerais que inclúa "desde o PNV á CUP" para "facer fronte ao autoritarismo" de PP, Cs e Vox.

É máis, o cofundador de Anova, organización xurdida tras a ruptura do BNG no ano 2012, apostou por que esa alianza contra "o auxe da extrema dereita" leve a cabo xa para as eleccións europeas do 26 de maio, polo que se ofreceu para iniciar "conversacións" para a inclusión de Anova na candidatura que EH Bildu, ERC e BNG teñen xa pechada.

Con todo, o portavoz nacional do partido e deputado de En Marea Antón Sánchez matizou que "non hai ningunha proposta concreta encima da mesa" polo momento para as eleccións europeas. "Cando a haxa valorarémola. Faremos un chamamento en breves porque cremos que é necesaria unha alianza das esquerdas soberanistas e das que respecten o dereito á autodeterminación para facer fronte en Europa ao fascismo e á extrema dereita", indicou Sánchez.

Deste xeito, ábrense a participar na alianza electoral das forzas soberanistas de Euskadi, Cataluña e Galicia. Esta última está representada na candidatura polo BNG, a formación hexemónica do nacionalismo galego ata o ano 2012, cando a corrente liderada polo exlíder frontista Xosé Manuel Beiras decidiu abandonar o Bloque e formar Anova, apostando desde entón pola denominada 'unidade popular' xunto con outras forzas políticas de esquerda do espectro non nacionalista, como Esquerda Unida ou Podemos.

O papel a xogar por Anova nas eleccións europeas está no aire a cinco meses para a cita coas urnas --que coincidirán coas municipais--. E é que as tensións existentes no espazo político provocan que Podemos Galicia descarte presentarse ás eleccións co partido instrumental En Marea, que podería establecer unha alianza cos valencianos Compromís.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

4 Xon

A boas horas. O BNG mantívose e fixo nación con todos os ventos en contra. Agora istes fracasados queren volver para liala outra vez en pouco tempo: as Mareas están mortas, os alcaldes non volverán pisar moqueta na súa vida, os de Podemos galicia (con g minúsculo) van camiño da desintegración... A boas horas. Primeiro dinamitades ao BNG, logo non facedes nada por Galiza e agora que veñen negras queredes mimiños. ERC-EH BILDU-BNG, GalEusCat!

3 E as vacinas que

ides aclarar a vosa posición sobre o tema, ou sobre o transfuguismo

2 lóstrego

Agora volvedes ao rego, pillabáns! Cando se vos acaba o choio.

1 Trosqui

Agora volvedes... Seica Pablemos e os Maleantes ao final eran madrilegos. O BNG ten que impor o dereito de entrada no clube porque tod@s sabemos do que sodes capaces. Roma non paga a traidores. Espero que o BNG non cometa o erro "buenista" de acoller de novo a est@s ególatras. Os que quedamos cando o barco afundía non o entenderiamos...

1 Alpinista

Despois de acoller a Camilo, o que máis fixo con navalladas por desfacer o BNG, dándolle o posto de europarlamentario (euros da SICAV de Luxemburgo polo medio, polo que nunca se pediron contas nin responsabilidade, e menos disculpa), despois de acoller a Suso de Toro o intelectual da contrarrevolución (loas Camilo e a ZP), ou a acollida do Carlos Mella vicepresidente de Albor... O listón para entrar está baixo demais, polo chan! Os que estades estades afeitos a tragar o que vos manden.

2 Sentidiño

Alpinista, algo de razón si tes, para qué negalo... Pero o bng gusta de verse coma a vella Roma, ou coma a igrexa católica: coma a casa á que volven por navidá todos os fillos pródigos... o lugar tranquilo ao que torna o guerreiro despóis de esbardallar de máis... Xavier Vence, Fernán o Vello, o mesmo Beiras... algún día, amigo, algún día...