Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2019 | Actualizada ás 20:13
Anova decidirá logo das eleccións municipais do próximo 26 de maio o seu futuro no espazo político de En Marea, o partido instrumental do que xa se desmarcaron Podemos Galicia e Esquerda Unida. A decisión, segundo expuxo o seu portavoz nacional, Antón Sánchez, será debatida pola militancia na IV Asemblea Nacional de Anova, que se apraza ata logo de maio co obxectivo de non influír na cita coas urnas que suporá "un punto de inflexión".
Así o explicou Antón Sánchez logo de reaparecer, tras meses de silencio, o histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras, quen evitou pronunciarse sobre o portavoz de En Marea, Luís Villares, e o acontecido nos últimos tempos no espazo político da denominada 'unidade popular', que atravesa unha profunda crise interna.
"Se contestase a esas preguntas estaría a infectar a opinión dos militantes e non quero facelo", xustificou Beiras cando foi cuestionado sobre Villares e a situación do partido instrumental. Así as cousas, será a militancia de Anova quen decida sobre os pasos a seguir da formación no partido instrumental.
Farao na IV Asemblea Nacional que, como indicou Antón Sánchez, debería celebrarse o próximo mes de marzo, pero que será posposta ata despois das eleccións locais, nas que Anova se centrará en apoiar as candidaturas municipalistas.
"A decisión dos pasos a dar por Anova ten que decidirse logo dun debate da militancia que culminará na IV Asemblea Nacional. Aí é onde Anova decidirá o seu novo rumbo para esta nova etapa", remarcou Sánchez.
E é que, tras as polémicas primarias celebradas en En Marea, Podemos e EU —socios de Anova na candidatura crítica 'Entre Todas', derrotada pola lista de Villares— marcaron distancia co partido instrumental. De feito, o partido morado que lidera en Galicia o deputado Antón Gómez-Reino ofrecíase a iniciar un diálogo fóra de En Marea e sen contar con Villares e os seus afíns para reconfigurar o proxecto político.
"Non cremos que haxa que revisar a aposta pola ruptura nin a aposta pola unidade. Pero si requirirá tomar decisións. E para decidir como queremos plasmar esa aposta, imos darlle voz á militancia para que decida", subliñou Sánchez.
"PASAR PÁXINA"
No entanto, Anova pretende "pasar páxina" sobre "debates de cuestións internas" e centrarse nas eleccións locais, "que son moi importantes" para Galicia e nas que a esquerda rupturista, segundo Sánchez, "se xoga o espazo da mestizaxe".
Para o viceportavoz parlamentario de En Marea, a cita do 26 de maio marcará "un punto de inflexión" como o fixo, segundo Antón Sánchez, a primavera do 2015, na que Anova "participou individualmente en fórmulas exitosas" que lograron facerse coas Alcaldías de lugares como Santiago, A Coruña ou Ferrol, entre outros.
Respecto da posibilidade de que existan concellos nos que concorran varias candidaturas do espectro da chamada 'unidade popular', o deputado de En Marea remarcou que Anova aposta por que as candidaturas "sexan o máis amplas posibles" e que "sempre" fixeron "todo o posible por sumar"; aínda que recoñece que "cada concello" ten a súa propia "casuística".
BEIRAS ROMPE O SILENCIO
"Como se pode dicir que hai unidade popular se rompe a unidade popular?", espetou, a continuación, Xosé Manuel Beiras, quen xa se mostrou moi crítico coa dirección de En Marea o pasado mes de xuño cando membros da coordinadora apoiaron a creación de Marea de Ferrol, candidatura formada por exmembros de Ferrol en Común, que goberna a cidade departamental desde 2015.
Beiras, que gardou silencio durante a campaña das primarias de En Marea e pediu que non se empregase a súa figura por ningunha das dúas candidaturas en liza, reivindicou o papel de Anova na construción do proxecto da unidade popular, un camiño iniciado en 2012.
"Anova abriu o camiño que conduciu tanto ás mareas municipalistas, como á constitución de En Marea como alternativa nas Cortes a través do documento de Mazarelos, subscrito por Anova, EU e Podemos de Galicia como base para presentarse en decembro de 2015 aos xenerais", apuntou Beiras, quen recordou que dita coalición recibiu "un cheque en branco da cidadanía".
Así, Beiras defende que o seu partido "nunca actuou por intereses partidistas, senón por valores" e sostén que "a proba" diso son "as cotas" do partido nacionalista "nas listas das municipais" ou no Grupo Parlamentario, no que Anova conta con dous representantes: Antón Sánchez e Davide Rodríguez, este último aliñado con Villares.
"Menos palabras e máis realidades", incidiu, para logo pór o foco en que Anova "nunca practicou o de primeiro eu e despois os demais". "A configuración do grupo (no Parlamento) pon en evidencia que Anova, que tiña unha gran autoridade moral no país, non tiña tantos membros como fixeron outros co 'a ver canto saco'", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.