A Catedral de Santiago traslada as misas a outras igrexas polo inicio de obras na basílica

Será a partir do luns, 28 de xaneiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2019 | Actualizada ás 20:29

Comparte esta noticia

Ante o "inminente comezo" das obras no interior da Catedral de Santiago, que "polo seu alcance e magnitude farán imposible manter a normal actividade no altar maior, naves e nas capelas da basílica", a partir do luns, 28 de xaneiro, o culto trasladarase a outras igrexas da cidade.

Catedral de Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo
Catedral de Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Segundo informaron desde a Catedral, a misa diaria do peregrino, ás 12,00 horas, celebrarase na igrexa de San Francisco, mentres que a igrexa de Santa María Salomé acollerá a celebración da eucaristía ás 7,30, as 9,00, as 10,00 e as 19,00 de luns a domingo. O sábado, ás 18,00 horas, e o domingo ás 13,00 e ás 18,00 horas, tamén haberá misa.

A parroquia da Corticela mantén a súa misa habitual ás 11,00 horas. Os grupos de peregrinos en distintas linguas distribuiranse nas igrexas de San Fructuoso, San Fiz de Solovio, Santa María Salomé e na capela do Centro Internacional de Acollida ao Peregrino (rúa Carretas, 33).

As principais solemnidades e festas, que se indicarán oportunamente, celebraranse na igrexa de San Martín Pinario, entre elas a de Santiago Apóstolo.

A Catedral, no entanto, permanecerá aberta, polo que estará accesible a fieis, peregrinos e visitantes, aínda que estarán acoutados os espazos nos que se estea intervindo en cada momento. Poderase realizar o rito do Abrazo ao Apóstolo no seu camarín e descender á cripta apostólica. O horario de apertura da Catedral será de 9,00 a 19,00 horas.

A única porta que permanecerá aberta será a de Platerías, con dobre uso: entrada e saída, cumprindo tamén función de porta de saída o Pórtico Real. O acceso por Azabachería resérvase para os usos e necesidades das obras. O prazo de execución desta intervención é de 12 meses.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta