As competicións de caza en Galicia, entre o pracer de matar, a tradición e o respecto aos animais

As últimas cacerías de raposos en Galicia abriron un novo debate social sobre a necesidade ou non de manter este tipo de competecións. Colectivos de cazadores defenden estes eventos e o PP pide mantelos porque son "tradición". Os animalista rexeitanos de raíz, ao igual que os partidos da oposición en Galicia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/01/2019 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

A caza en Galicia volve estar no ollo do furacán. Pero non calquera tipo de caza, senón as grandes competicións de caza que para animalistas, sectores sociais e determinados partidos políticos é “matar por matar”. Unha visión diferente á que teñen colectivos de cazadores e ata o Partido Popular que consideran que este tipo de actos hai que mantelos porque son “tradición”.

Cazadores con raposos mortos
Cazadores con raposos mortos | Fonte: Clube de Caza de Pobra do Brollón

A celebración dun novo campionato de caza do raposo esta fin de semana nalgún punto dos montes de Muros e Carnota está provocando a mobilización de sectores contrarios e afins. A polémica orixinouse ao evitar os cazadores indicar os lugares onde terán lugar as batidas para evitar, din, a presencia de “animalistas”. Un escurantismo que non provocou a mobilización de animalistas e partidos como PACMA que anuncian que acudirán aos montes destas localidades este sábado.

CRÍTICAS DOS ECOLOXISTAS

A tensión é tal que provocou as queixas de colectivos cidadáns e partidos políticos, coma En Marea ou o BNG, que critican que a Xunta avale este tipo de comportamentos cunha actividade que subvenciona. Tamén entidades como a  Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber solicitaron á Consellería de Medio Ambiente que organice un dispositivo de vixilancia presencial do corpo de axentes ambientais de Galicia neste campionato. 

Dende Adega, a Asociación para a Defensa Ecolóxica, entenden que “matar animais de xeito indiscriminado carece de ética e moralidade”. Din que a eliminación de raposos tampouco consegue recuperar as poboacións de coello ou perdiz. “Dito declive vén dado por outros factores, coma son a afección de enfermidades (onde o raposo xoga un papel fundamental e necesario), a sobrecaza, as repoboacións con animais de granxa, e os cambios no hábitat (plantacións masivas de eucaliptos, o abandono do medio rural)”.

Cazadores e animalistas, no campionato provincial de caza do raposo en Cerdedo-Cotobade
Cazadores e animalistas, no campionato provincial de caza do raposo en Cerdedo-Cotobade | Fonte: Miguel Núñez.

O evento tamén é rexeitado pola Asociación Monte Pindo Parque Natural. Esta entidade destaca que destrozar a poboación dunha especie de fauna de nulo interese cinexético "por puro divertimento ou deporte é absolutamente inadmisíbel e máis nunha sociedade avanzada". “Por outra parte aínda que tentemos empatizar cos cazadores ou entender o seu punto de vista, é evidente que este tipo de actividades pouco teñen que ver co concepto tradicional da caza que se desenvolvía co obxecto da subsistencia nos entornos rurais", engade.

UNHA TRADICIÓN

Precisamente, o debate está en se este tipo de competicións poden ser considerada como caza ou non. Para os animalistas trátase de “matar por matar”, mentres que para federacións de cazadores e o propio Partido Popular trátase de “tradición”.

De feito, os populares de Lugo xa anunciaron que pedirán no pleno provincial recoñecer “o valor estratéxico” da caza porque consideran un "retroceso en dereitos e liberdades" a pretensión do ministerio de prohibir esta práctica. O PP reivindica a caza porque “forma parte da nosa historia, cultura, tradicións e realidade social”. 

CRÍTICAS DE GANDEIROS E AGRICULTURES

Pero os populares, que critican a lei do PSOE, tamén reciben crítica a súa Lei de Caza na Xunta. Desde APERFASA-GALICIA (Asociación de perxudicados pola fauna salvaxe de Galicia) tamén denuncian duramente esta normativa aprobada no ano 2013, con Feijóo como presidente. Din que está a ser nefasta, “xa que para nada cumple co seu fin, que era o necesario control de determinadas poboacións e especies silvestres para lograr un equilibrio ecolóxico”.

Tamén a SGPF, Unións Agrarias, Sindicato Labrego e AGACA pedían este mércores derrogar a actual liña de axudas de prevención de danos ao lobo para poder revisar en profundidade esta orde de axudas. Aseguran que, tal e como está redactada, non axuda en absoluto a resolver o problema dos gandeiros con este animal polas grandes trabas burocráticas que pide a Xunta para pedir as axudas.

Tiro ao pichón. ARQUIVO
Tiro ao pichón. ARQUIVO | Fonte: FEDERACIÓN DE CAZA C-LM
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Os cazadores son unha minoría sanguenta e perigosa. As veces non lle disparan, só, aos probes raposos ou a calquer bicho vivinte,senón que lles se escapa un tiro e more alguén. E tamén son " tradicionais" en Galicia os electrodomésticos vellos ou as bolsas de lixo tiradas no monte. Hai tradicións froito da ignorancia e o atraso. A caza é uhna delas. Non vivimos na edade media, nen nunha sociedade maiorirtariamente anlafabeta.