Leiceaga e Pontón coinciden en que é momento de reclamar competencias autonómicas para Galicia

Móstranse satisfeitos do cambio de postura do PPdG ao respecto. O portavoz socialista destaca que "van privilexiar" a transferencia de tráfico á Comunidade e a líder do Bloque insta á Xunta a sumarse á súa iniciativa para a creación dunha "tarifa eléctrica galega"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2019 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, destacou que "é o momento" de expor a transferencia de competencias a Galicia como consecuencia da "receptividade no Goberno central a discutir a descentralización". Pola súa banda, a líder do BNG, Ana Pontón, mostrou a súa satisfacción polo "xiro" do PP galego á hora de reclamar ese traspaso de competencias, despois "de dez anos sen que solicitase ningunha".

O portavoz do PSDEG, Xoaquín Fernández Leiceaga
O portavoz do PSDEG, Xoaquín Fernández Leiceaga | Fonte: Europa Press

En declaracións aos medios este xoves, Leiceaga criticou que o autogoberno galego leve "anos bloqueado" xa que, segundo lamentou, durante a etapa de Mariano Rajoy como Presidente do Goberno  "non quixo entrar a discutir ningunha transferencia e o señor Feijóo tivo unha actitude pasiva".

Fronte a iso, o socialista manifestou que "co novo Goberno ábrese unha nova oportunidade" e puxo como exemplo "a discusión no Congreso sobre a transferencia da AP-9". "O autogoberno de Galicia ten déficits de competencias, que pode ser o momento de expolas, dado que hai receptividade no Goberno central a discutir a descentralización", profundou.

Nesta liña, Xoaquín Fernández Leiceaga recordou que "hai un documento de 2005 no que se reclamaban 70 competencias" e que "poden ser unha guía". Concretamente, sinalou que van privilexiar" a competencia de tráfico, cun "pronunciamiento unánime do Parlamento de Galicia", tal e como remarcou. De feito, na mañá deste xoves os socialistas rexistraron unha iniciativa lexislativa para remitir ao Congreso dos Deputados para que "as competencias en materia de tráfico pasen a Galicia".

CAMBIO DE POSTURA DO PPDEG

Preguntado polo cambio de postura do PPdeG, Leiceaga opinou que o feito de que a formación galega "sexa pasiva cando ten un goberno amigo en Madrid e reivindicativo cando é de signo contrario, é algo habitual".

No entanto, fuxiu de "valoracións políticas" e remarcou que para que "as transferencias sexan exitosas é necesaria unha base de apoio ampla en Galicia", polo que "o PP é benvido a estas reclamacións".

Pola súa banda, Ana Pontón celebrou o "xiro" do PP e instouno a apoiar a iniciativa que o Bloque levará ao próximo pleno do Parlamento galego para a creación dunha tarifa eléctrica galega.

"Se o PP agora está de acordo en que nos equiparemos a Euskadi e Cataluña parécenos ben", declarou Pontón, un día despois de que os catro grupos parlamentarios acordasen instar o Goberno do Estado a negociar o traspaso de todas as competencias pendentes a Galicia.

PPDEG, En Marea, PSDEG e BNG alcanzaron o acordo na Comisión Institucional a raíz do debate dunha iniciativa dos nacionalistas galegos que, inicialmente, esixía demandar ao Executivo central o traspaso das competencias en materia de tráfico, circulación de vehículos e seguridade cidadá. Ademais, a proposición non de lei tamén esixía dotar ao Corpo de Policía de Galicia das funcións contempladas na Lei de Policía aprobada polo bipartito en 2008.

Pontón insta aos populares a sumarse a outras propostas relativas a aumentar o autogoberno, como a creación dun "concerto económico" para Galicia "que permita recadar todos os impostos que se recadan neste país". "Imaxino que agora o PP estará de acordo", apostilou.

Para rematar, tamén chama a que o PPDEG se sume á iniciativa que levará o BNG ao próximo pleno para a posta en marcha dunha "tarifa eléctrica galega". "Esperamos que neste xiro do PP de Feijóo apoien a iniciativa para que Galicia non sexa menos que Euskadi, porque temos 400 postos de traballo en Alcoa en risco polo prezo da enerxía", engadiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta