Búnker catedral

Corrían os anos corenta, plena euforia da España nacional-católica. O afán por demostrar a íntima simbiose de relixión e política na súa historia, a tradicional alianza de altar e poder, non tiña descanso.

Por Francisco Rodríguez | Ferrol | 29/08/2011

Comparte esta noticia

A verdadeira tradición era aquela que se ancoraba en feitos milagrosos, aínda alento para vivificar o presente. As orixes míticas de España, a súa fundamentación bíblica, tiñan na tradición xacobea unha fonte de inspiración e tamén de interrogantes. Estes foron anatematizados, simplemente desbotados como lixo. Santiago figurara, e os ecos resoaban, como patrón de España. Os interrogantes maliciosos e heréticos chegaran a pór en dúbida a súa predicación aquí e consecuentemente o seu enterro. Aínda algúns maliciosos de hoxe apostamos por acreditar que a tumba do apóstolo non é máis que a mudanza do heterodoxo culto priscilianista nun mito católico, creado no seu preciso momento polas necesidades políticas, internas e externas, da oligarquía nobiliaria e relixiosa galega, polos reis galegos, que non asturianos, do reino de Galiza, que non de Asturias. Naturalmente houbo apropiación indebida. Xa se sabe que a integración do mito na súa dimensión española sufriu adaptacións que o foron desgaleguizando progresivamente e baleirando do seu significado inicial. Era imposíbel asumilo na súa causalidade galaica, ao servizo do máis poderoso reino cristiá da Península. Velaí por que non puido competir cun símbolo mariano máis moderno da épica imperial española, a Virxe do Pilar. Resultado ficou no patrón, o «día grande de Galicia»: así denominan os medios españois o 25 de xullo. En perspectiva universalista, a orientación imperante privilexia as peregrinacións xacobeas, os moitos camiños que conducen a este «santuario» do orbe católico, na católica España. Galiza missing. En fin, unha de tantas contribucións galaicas para maior gloria de España, debidamente apropiadas e limpas de toda pegada orixinal…

Con manifesta vocación católica e triunfal desprezo pola heterodoxia, o cabido da catredal compostelá, de acordo coa Dirección General de Bellas Artes e o seu Servizo de Patrimonio Artístico Nacional, decidiron en 1946 iniciar traballos de exploración arqueolóxica coa esperanza de atopar os restos do Apóstolo. As obras de escavación baixo a basílica, dirixidas por Manuel Chamoso Lamas, non deron o resultado que a inspiración político-relixiosa perseguía. Porén, superou as expectativas, segundo as palabras deste galego, fillo de emigrantes, escritas quince anos máis tarde en 1961 («Santiago de Compostela», Ariel, Barcelona), de considerarmos o pasado histórico que revelou. Descubriuse toda a cimentación e grande parte dos muros da igrexa construída por Afonso III, a soleira da primitiva fundada polo bispo Teodomiro e Afonso II, a laude sepulcral de aquel, unha densa necrópole da época sueva – así di Chamoso- e outra romana. Tamén apareceu parte dunha das torres defensivas construídas no século IX polo bispo Sisnando e aumentada a mediados do XI polo bispo Cresconio, alén da por el erguida, co seu foso, para defensa de Compostela. En síntese esta é a información que nos dá o folleto , «Una necrópolis bajo la catedral compostelana», cun novo formato, pero cos mesmos textos de Manuel Chamoso Lamas, que o publicado polo cabido en 1961, isto é, hai cincuenta anos… Casualmente, o día da nosa visita non había exemplares en galego…

Ah! -escoito exclamar e preguntar con sorpresa- Logo pode visitarse o sochán da catredal para ver o resultado destas escavacións? Pode, meu señor, miña señora: visita guiada en grupos reducidos (entre seis e doce persoas), tarifa xeral 10 euros, reducida, 8, con opción a seren informados en galego, se o advirten ao faceren a necesaria reserva previa, pois, se non, será de oficio en castelán, para non nos relaxarmos na nosa condición de obxectores de conciencia. Non nos poñamos críticos. A verdade é que o progreso mental do cabido catedralicio está fora de dúbidas. Asume abrir lugares cerrados até o de agora, comprendendo que os ingresos monetarios redundan en alegría do corpo e do espírito, moito máis se proveñen de permitiren aos demais o acceso á fermosura, o misterio e a historia. Se Roma prohibe cobrar por entrar nas igrexas de peregrinación, nada hai que impida facelo por acceder ao museo, aos tellados ou aos sotos da catredal, que non son lugar de culto, decidiron, aliviados, coengos e arcebispo. Contemplaron, xunto ao castelán e ao inglés, o uso do galego polos guías, con previa advertencia en tempo debido, como proba de tolerancia, comprensión e piadosa aceptación dos botados a perder. Carafio!!, nin a Xunta chega a tan respectuosa consecuencia co seu trilingüismo educativo nin no servizo ao público. E aínda enriba, no noso caso, tivemos un guía espléndido, diplomático, agudo, de lingua fluída e discurso non convencional, consciente de que a montaxe do Apóstolo estaba cimentada sobre unha realidade demográfica e un poder político e económico preexistentes… Eran os seus restos, as súas pegadas , o que estaba a mostrarnos, andándomos por aquel búnker, ignoto para a inmensa maioría, de acceso imposíbel durante máis de medio século… A verdade é que me sentín desacougado, algo inseguro e medorento. Temín, por mor de certa claustrofobia, que a maxestosa catredal románica, a máis grande da Europa, nos esmagase, desconfiando da solidez do búnker construído, conforme se ía escavando, para sostela en pé. De seguro foi a tradución psíquica, dunha polivalente e contraditoria metáfora, na que estaban mesturadas ocultación da historia, represión e censura, manipulacións, desconsideración e insensibilidade. Non eran os poderes superspostos alí os que me intimidaron. Foi o peso do descoñecemento e da ignorancia, da impotencia fronte á anulación de tanta vida e tanta historia de nós. Cantas evidencias, sen impacto algún, na historia académica e escolar!!! Como é posíbel que todo isto non provoque estudos, análises e espallamento de información por parte dos nosos historiadores da Universidade Galega? Como aceptar con resignación tamaña indiferenza e desinterese na arqueoloxía, a historia e a historia da arte españolas, até o estremo de seguiren repetindo tópicos, falsidades ou teorías que coliden coas evidencias empíricas? Até cando tanta impunidade para negar, agachar ou manipular a nosa historia pro domo sua?

Non son especialista. Mais tiven a sensación de que na escavación puido máis a intención relixiosa que a verdadeiramente histórica. Pareceume unha actuación algo basta, pouco delicada. Tanto cemento armado (actuaban nos cimentos da catredal), tanto atrevemento sen primorosa intervención e coidado dos restos achados, sen a valorización necesaria máis tarde…Todo isto fixo que predominase a sensación de búnker, un búnker que encerra parte do noso pasado, ao tempo que unha mole catedralicia enriba o evidencia. Un agachado, descoñecido e ignorado; a outra malinterpretada, manipulada. Ambos os dous interdependentes e sen solución de continuidade na verdade histórica. A cisión fixérona as mesmas mans manipuladoras. Non falarei dos espolios realizados durante estes cincuenta anos de abandono e descoñecemento público da historia que o búnker encerra. Hai quen podería contalo con coñecemento de causa por propia experiencia…

Descoñecía a nosa Rosalía, afervoada visitante da catredal, fóra do culto convencional, estes restos arqueolóxicos. Pero non ignoraba que, antes do culto ao apóstolo Santiago, houbera alí vida potente, poderes, historia…A aparición nese lugar do sepulcro do apóstolo- inventio- non foi casual. Había poder para iso; había tradición e uns obxectivos. Non eramos precisamente unha periferia marxinal da Hispania, termo xeográfico. Gustaba Rosalía de usar o popular termo catredal para se referir á nosa, a de Compostela («Na catredal», primeiro poema da parte II, «Do íntimo!», de Follas novas). Na súa preferencia latía, seguramente, tamén o misterio, a heterodoxia e a historia que agachaba e a inquietude por coñecela. A mantenta este artigo leva por título dous termos raramente asociados, de resultado semántico chocante ou contraditorio, unha asociación tan sonora como ambigua, tan moderna como antiga: Búnker catredal… Non sentes ningunha estrañeza e desacougo?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA